Volver a vieiros

Vieiros
Logotipo da Radio galega Logotipo dos Dez anos de vieiros

Bases do concurso

  1. Poderán concorrer ao concurso grupos ou solistas de todo o mundo, con cancións gravadas que teñan a letra en galego. As cancións serán de tema libre, e terán que ir orientadas a ser un ghit estival. A organización terá en conta este criterio á hora de desbotar posíbeis candidatas, igual que un mínimo de calidade acústica e musical.
  2. Os formatos de gravación para presentar ao concurso poderán ir en CD audio ou en arquivos mp3 ou ogg, con calidade de CD. Tamén se admiten vídeos, sempre que a calidade do audio sexa a adecuada. Os participantes terán que enviar tamén un pequeno texto describindo o tema e os intérpretes, a letra da canción e mais varias imaxes.
  3. Deben enviarse dúas copias de cada canción, unha a Radio Galega- San Marcos 15703 Santiago e outra a Vieiros - Rúa do Pombal, 43 Baixo - 15705 Santiago de Compostela. As cancións tamén poderán enviarse por correo electrónico a extrarradio@crtvg.es e mais apologhit@vieiros.com.
  4. As cancións participantes iranse publicando na web do concurso por orde de chegada e serán difundidas a través dos programas da Radio Galega e da TVG. Os participantes ceden as súas obras baixo licenza Creative Commons que permite a libre desgarga, copia e distribución na rede e as obras derivadas, reservándose o dereito comercial sobre as mesmas.
  5. O público poderá puntuar as cancións publicadas durante todo o tempo que dure o concurso.
  6. O sábado 21 de xullo pecharase o prazo para recibir cancións e designaranse finalistas tendo en conta as votacións populares . Abrirase así un novo prazo de votacións para escoller o gañador.
  7. O sábado 11 de agosto darase a coñecer a canción gañadora, tanto en Vieiros como no programa Extrarradio da Radio Galega.
  8. Un xurado composto por persoas relevantes do mundo da música e da comunicación elixirá o gañador oficial do concurso, e establecerá as mencións especiais se así o considera.
  9. Os gañadores de A Polo Ghit formarán parte da delegación galega que acudirá á feira do libro de La Habana no mes de febreiro de 2008 nunha viaxe organizada pola Consellería de Cultura. Ademais, a TVG gravará un videoclip profesional do ghit galego deste verán.
  10. Os gañadores do premio do público e do xurado quedarán convidados a participar nunha festa especial organizada pola Radio Galega e Vieiros.
Lista de participantes

Como participar?

Mándanos a túa canción gravada aos enderezos de correo electrónico apologhit(arroba)vieiros.com e mais extrarradio(arroba)crtvg.es, ou por correo postal, poñendo no sobre "A polo ghit", a Vieiros. Rúa do Pombal 43, soto. 15705 Santiago de Compostela, e tamén a Extrarradio. Radio Galega. San Marcos. 15820 Santiago de Compostela.

Novas

Parabéns, Sacha na Horta!
(18/08/2007) Unha formación debutante converteuse na gañadora da segunda edición de A Polo Ghit, o concurso convocado por Vieiros e a Radio Galega para procurar a canción do verán. Sacha na Horta, un grupo de mulleres que viven na compostelá rúa das Hortas e que non tiña experiencia anterior no mundo da canción, foi merecedora do premio.Esa foi a decisión do xurado, formado por Luís Queimada, Vincent Jalo, María Yáñez e Xavier Campos. Agora, o grupo gañador gravará un videoclip profesional na Televisión de Galicia e voará a Cuba para participar na Feira do Libro da Habana en febreiro do 2008, coa delegación da Consellaría de Cultura. O tema premiado, Biocultivos, fala da vida e da visión do mundo destas mulleres. Parabéns!
En poucas horas coñecerase cal é a canción galega do verán
(17/08/2007) O concurso A Polo Ghit entra na súa fase final. Ás doce do mediodía do sábado quedarán pechadas as votacións e os comentarios da páxina arredor dos dez temas finalistas. Sobre esa hora, o programa Extrarradio, da Radio Galega, irá dando a coñecer a clasificación final segundo o xurado, ao tempo que irán aparecendo na web do concurso. Luís Queimada, Vincent Jalo, María Yáñez e Xavier Campos decidirán cal é o ghit do verán e que grupo ou cantante merece gañar o dobre premio: a gravación dun videoclip profesional na TVG e formar parte da delegación da Consellaría de Cultura que acudirá á feira do libro de La Habana no mes de febreiro de 2008.
A escolma do xurado
(03/08/2007) Este sábado 4 de agosto farase pública a decisión do xurado de A Polo Ghit (composto por Luís Queimada, Vincent Jalo, María Yáñez e Xavier Campos), que se reuniron o xoves á noite, e por fin coñecerase a listaxe das 10 cancións finalistas do concurso.

Son os temas que os integrantes do xurado escollen conforme os seus criterios persoais. Malia a pouca fiabilidade do voto electrónico -non hai máis que ler os comentarios que deixades algunha xente nas cancións-, as votacións populares e o número de descargas de cada candidatura teñen o seu valor: teranse en conta á hora de desfacer posíbeis empates.

Entre estas 10 finalistas os catro expertos escollerán o ghit galego de 2007, que se fará público o 18 de agosto. A peza máis votada na web tamén terá o seu premio, cando menos moral: o de ser a canción máis popular desta segunda edición do concurso.

Xa sabedes, a partir do sábado 4 ao mediodía, despois da súa estrea no programa Extrarradio, poderedes votar entre as dez finalistas.
Unha semaniña enteira para seguir votando
(24/07/2007) Ante a entrada masiva de cancións na última semana, a organización de A Polo Ghit decidiu atrasar sete días todo o proceso final do concurso. Haberá unha semana máis para que as cancións que acaban de chegar se fagan populares e poidades votar e opinar sobre elas. Iso supón que os finalistas non se coñecerán até o 4 de agosto, e non teremos gañador ata o día 18.

Pero xa este sábado coñeceremos os integrantes do xurado. Sobre eles recaerá a responsabilidade de escoller o ghit deste verán.

Lamentamos que unhas cantas cancións non entrasen no concurso por chegaren fóra de prazo e mais os problemas que impediron a chegada dalgunhas pezas enviadas a última hora. Todos tiraremos conclusións proveitosas da experiencia deste ano para tunear o A Polo Ghit 2008. Nós, para mellorar o sistema de recollida de cancións, e vós, para non esperardes ao último minuto...
52 cancións! A Polo Ghit bate as súas propias marcas
(21/07/2007) Este sábado descubrimos as cancións que chegaron in extremis para competiren no A Polo Ghit 2007. Son máis de medio cento de pezas, unha participación que supera en 14 pezas a da primeira edición do concurso.

Respondendo á expectación que xerou o certame, a organización de A Polo Ghit decidiu finalmente seleccionar os temas a concurso cun criterio máis xeneroso que restritivo, malia as dúbidas que pode suscitar a adecuación dalgúns temas ás bases do concurso.

Así e todo, hai máis dunha ducia de cancións que non pasaron a peneira para competir no certame por non teren a calidade sonora suficiente, non entraren nos parámetros da canción do verán ou por seren potencialmente ofensivas para determinadas persoas ou colectivos. Unha peneira que se foi endurecendo conforme avanzaba o concurso e iamos recibindo máis pezas.

Os criterios da organización son desde logo opinables e discutibles, pero entendemos que cómpre aplicar algún filtro na escolla dos temas a concurso. Entendemos o desgusto dos que non foron seleccionados e animámolos a volver a intentalo o ano que vén, preparando as cancións canto antes para poder envialas nas primeiras semanas de competición.

Conscientes do facilmente manipulables que son as votacións electrónicas, a popularidade das cancións medirase tendo en conta, sobre todo, o número de descargas de cada tema, pero a decisión final corresponderalle ao xurado. O sábado 28 de xullo coñeceremos os seus integrantes, que terán que escoller, en primeiro lugar, os finalistas do concurso. Abrirase entón unha nova votación e o 11 de agosto coñeceremos finalmente o ghit galego de 2007!!