A finais da década de 1960 acudín por primeira vez á igrexa de San Domingos de Bonaval para visitar no Panteón de Galegos Ilustres a tumba á que trasladaran os restos do poeta Ramón Cabanillas. Despois de tantos anos desa primeira visita aínda lembro a sensación de tristeza que me producira o verdello das paredes e a escasa luz do Panteón, e lembro tamén un certo aquel de desilusión, porque inxenuamente coidaba que serían moitos os galegos ilustres que ía achar, cando só había catro (Rosalía de Castro e Alfredo Brañas en cadanseu mausoleo, Francisco Asorey e Cabanillas soterrados baixo lousas), e os catro xa me eran coñecidos por diversos motivos. Creo que non volvín a Bonaval ata que trouxeron a Castelao en 1984. Agora xa non había verdello, o Panteón estaba iluminado e parecía integrado no Museo do Pobo Galego, que se ocupaba de mantelo limpo e digno, aínda que non era obriga súa facelo.
Bonaval converteuse nun simbólico lugar da memoria da galeguidade desde que o 25 de maio de 1891 se inaugurou o coñecido como Panteón de Galegos Ilustres co traslado desde Padrón dos restos de Rosalía. A Bonaval acudiu Curros en 1904 para facerlle a ofrenda á muller que con Cantares gallegos fundou a literatura galega contemporánea, a muller que nunha situación moi adversa soubo reivindicar a lingua galega e asemade a dignidade das galegas e dos galegos como pobo. A Bonaval acudiron galeguistas e nacionalistas no franquismo para honraren as figuras da Patria alí presentes, como o seguiron a facer na xeira autonómica. A Bonaval acudiron (e acoden) os gobernos autonómicos para realizar diversos actos. E os escritores acudiron para velar no Panteón forxadores da Patria da Lingua como Uxío Novoneyra ou Manuel María.
A sentenza xudicial que hai uns anos lle outorgou ó Arcebispado compostelán a propiedade da igrexa de Bonaval, fechada desde mediados do pasado maio, non pode acabar con esa tradición e converter o edificio, tal como recolle a prensa, nunha igrexa parroquial, onde unha vez que se estableza o horario de misas, “xa se poderá contratar persoal ou organizar algún tipo de voluntariado para vixiar o acceso. Mentres tanto, quen o queira visitar non ten máis que solicitalo”. Gustaríame saber se nesa futura igrexa parroquial o Arcebispado compostelán vai asumir o innegable valor simbólico do lugar e desenvolver o culto unicamente en lingua galega.
Á marxe de quen sexa o propietario, cómpre desbloquear a situación do Panteón, que debería ser tutelado polo Parlamento de Galicia. Cómpre crear un padroado (ou órgano similar) do Panteón onde estean representadas, entre outras institucións, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego, xunto con fundacións como a Rosalía de Castro, Brañas e Castelao e personalidades de diversos eidos científicos. Un dos labores urxentes dese padroado debería ser a redacción dun regulamento protocolario para establecer os valores cívicos, artísticos ou científicos que teñen que cumprir as mulleres e os homes que poden estar en Bonaval.
Tamén terían que establecerse criterios para o traslado dos restos ou do enterramento directo. O Panteón creouse para albergar os restos de Rosalía e uns anos despois acolleu os do xurista e político galeguista Brañas, promotor da idea, fechándose a partir de entón. Cando o 2 de xullo de 1961 morreu o escultor Asorey, o arcebispo Quiroga Palacios autorizou que se soterrase directamente en Bonaval, despois de llo solicitaren o Reitor da USC, o Alcalde de Santiago e o Comisario do Patrimonio Artístico; e cando no 1988 se trasladaron os restos do xeógrafo e matemático Domingo Fontán, foi preceptivo un acordo do Consello de Cultura Galega, que abriu un expediente para declarar a Fontán galego ilustre, con dereito a ser soterrado en Bonaval.
O vindeiro 15 de xullo, data do 125 cabodano de Rosalía de Castro, a Asociación de Escritores en Lingua Galega vai facer un cortexo cívico co mesmo percorrido do traslado da escritora desde o cemiterio padronés de Adina ata Bonaval. Con este acto quérese reivindicar que o Panteón de Bonaval sexa un espazo “laico e aberto”, porque hoxe non o é, porque “está secuestrado á vontade popular, e calquera pobo que non esixa respecto para os seus propios símbolos fundacionais non terá senón sombra sobre o seu futuro. Ningunha nación pode renunciar a iso”.
Moitos arelamos ir un día a Bonaval para gozar dun auténtico Panteón da Memoria da Galeguidade, que non precisa traslado de restos mortais, porque, como ben sinalou Xosé Ramón Barreiro, a memoria non necesita sepulturas; pero nese espazo tan simbólico si cómpre que haxa monumentos, cenotafios ou memoriais que recollan actos meritorios e trazos fisionómicos da xente homenaxeada, porque a memoria quere imaxe.
Aínda que a igrexa e o panteón de San Domingos hoxe están fechados, desde o claustro do Museo do Pobo Galego pode subirse ata o fermoso coro da igrexa para contemplar a grandiosidade gótica de Bonaval e ver a entrada da capela da Visitación (onde están Rosalía, Brañas, Asorey, Cabanillas e Fontán) e parte do sarcófago de Castelao na capela onde estivera o Cristo de Ferreiro. Logo, poden fecharse os ollos e imaxinar a Alba de Gloria pintada nunha parede e por toda a igrexa memoriais alusivos á xente que entregou o mellor da súa vida pola dignificación de Galicia e da súa lingua; pode imaxinarse unha intervención escultórica na capela onde está Rosalía, para que os que xacen baixo lousa nunca máis volvan ser invisibles cando alí se vele alguén; e tamén se pode imaxinar que a tumba de Cabanillas xa ten o seu epitafio-encomenda:
Quero na lousa que me dé sosego
esta palabra que ten aas: POETA
e esta palabra que ten luz: GALLEGO
Estes versos –moi posiblemente as primeiras palabras en galego que lin na miña vida– están gravados nun rústico panteón do cimeterio de Fefiñáns onde enterraran o autor de Vento mareiro a finais do 1959; pero desde que o 12 de agosto de 1967 o trasladaron a Bonaval, a lousa que lle dá sosego aínda non ten a encomenda que lle fixera á súa muller.
Francisco Fernández Rei naceu en Cambados en 1952. Catedrático de Filoloxía Románica na USC, é membro da Real Academia Galega. »