A referencia coruñesa do folc galego presenta no Aquarium da cidade herculina o seu sexto disco no mercado. Nas tendas dende o luns 8.
No seu 15 aniversario, e cun total de preto dun cuarto de millón de exemplares vendidos dos anteriores discos, Luar na Lubre pon o sexto no mercado, presentado na mañá do venres 5 no Aquarium da Coruña.
Musicos irlandeses, españois e mesmo a Orquesta Sinfónica de Bratislava. Os membros de Luar na Lubre prometen non saír do seu estilo pero introducir pequechas novidades neste ‘Espiral’ que chega as tendas.
O novo disco conta coa producción do prestixioso músico irlandés Donal Lunny, en concreto cinco temas, que foron gravados nos estudios Pulse de Dublín. Son o propio ‘Espiral’, suite céltica que lle dá título, ‘Dereito a vivir en paz’, tema do cantautor chileno Víctor Jara, ‘Costa da Morte’, mestura de catro temas da zona, ‘Ara Solis’, unha composición de Xan Cerqueiro, e ‘Golpe’, que cualifican de “mosaico de melodías”.
Ademais do propio Lunny, que toca os teclados, bouzouki e bodhran – bass en varios dos temas, en ‘Espiral’ colaboran Mairtin O’Connor ao acordeón diatónico, Nollaig Casey ao violín, Alfonso Morán co contrabaixo, Javier Chacón ás bombardas, Elias García co bouzouki e Fernando Largo á arpa, entre outras.