Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
INCLUÍDA NO PLAN SECTORIAL DE PARQUES DE TECNOLOXÍA ALIMENTARIA NA COSTA

Membros de ADEGA paralizan as obras dunha granxa de cultivos mariños en Rinlo, nunha zona Natura 2000

Membros da delegación luguesa da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) paralizan desde a mañá de onte as obras consistentes na excavación e amoreamento de terra na parcela na que a empresa ACUINOR, S.L. pretende instalar unha granxa de cultivos mariños de rodaballo e polbo. Esta granxa ubicaríase en Rinlo (Ribadeo) e degradaría parte do espazo natural da Rede Natura 2000 denominado "As Catedrais", no litoral da Mariña luguesa. ADEGA entregou un escrito na Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel pedindo que se paralicen de forma urxente e inmediata as obras.

- 08:41 30/08/2005
Tags:

A xuízo de ADEGA, a construción desta granxa no espazo natural "As Catedrais" constitúe unha grave agresión ambiental e incumpre a Directiva europea Hábitats. A granxa afecta negativamente a un hábitat considerado de conservación prioritaria pola UE (queirugais secos atlánticos costeiros de Erica vagans). Ademais instalaríase nun espazo natural para o que a Consellería de Medio Ambiente aínda non aprobou un plano de xestión (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais ou Plan de Conservación) que ordene os seus usos, incumprindo a Lei autonómica de conservación da natureza.

Para ADEGA, resulta díficil de entender (salvo inexplicábeis tratos de favor) que unha instalación que ten sido rexeitada en Asturias, polo concello de Valdés primeiro e polo concello de Castropol despois, por afectar a espazos protexidos, poida vir a instalarse ao noso país precisamente nun espazo natural protexido ao abeiro da Rede Natura 2000, a rede de espazos protexidos de ámbito europeo.

Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega

A granxa de Rinlo situaríase nunha das zonas incluídas no Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega, aprobado pola anterior Xunta cando xa estaba en funcións e sen un proceso previo de diálogo e consenso social. ADEGA presentou alegacións a este Plano sectorial rexeitando que unha parte das zonas designadas para a instalación das granxas de cultivos mariños afectase negativamente a 11 espazos naturais de alto valor ecolóxico da costa galega. ADEGA entende que se debe compatibilizar a instalación de granxas coa conservación dos nosos mellores espazos naturais costeiros, o que non fai o devandito Plano, que atende só a intereses empresariais.

ADEGA demanda á Consellería de Pesca a paralización inmediata do devandito Plan Sectorial para sometelo a unha fonda revisión na que participen todos os sectores sociais interesados e que supoña a exclusión dos espazos naturais protexidos da costa galega ou susceptíbeis de selo. Asemade, pide á Consellería de Medio Ambiente que aprobe o antes posíbel planos de xestión para todos os espazos naturais galegos da Rede Natura 2000, en particular os litorais.

De acordo coa información da que dispón ADEGA, as obras da granxa de Rinlo carecen de todas as autorizacións precisas, entre outras, a autorización para a ocupación da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre por parte da Dirección Xeral de Costas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)