Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
MEMBROS DE ADEGA SEGUEN PARALIZANDO AS OBRAS DUNHA GRANXA DE CULTIVOS MARIÑOS

Decepción de ADEGA após a visita de dous directores xerais da Consellería de Medio Ambiente a Rinlo

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) lamenta que os directores xerais de Conservación da Natureza, Benito Reza, e de Calidade e Avaliación Ambiental, Joaquín Buergo, após a súa visita o xoves 25 aos terreos do espazo natural "As Catedrais" afectados pola construción dunha granxa de cultivos mariños da empresa Acuinor, mantivesen a súa decisión de non revisar a declaración de impacto ambiental favorábel adoptada polo anterior Goberno autonómico e de non ordenar a paralización das obras. Membros de ADEGA-Lugo, co apoio de veciños, seguen a deter as obras de construción da granxa en Rinlo (Ribadeo).

- 18:23 25/08/2005
Tags:

ADEGA acha que a nova Consellería de Medio Ambiente, en lugar de asumir unha decisión ambientalmente prexudicial do anterior Goberno, debe intervir para salvagardar unha zona da Rede Natura 2000 da construción dunha granxa que xa foi rexeitada en dous municipios de Asturias por se querer instalar en espazos de interese natural. ADEGA entende que a granxa mesmo podería ficar en Rinlo sen afectar á zona de maior valor ecolóxico, mais que iso non se fai porque non convén á empresa promotora.

A construción desta granxa no espazo natural "As Catedrais" constitúe unha grave agresión ambiental e incumpre a Directiva europea Hábitats. A granxa afecta negativamente a un hábitat considerado de conservación prioritaria pola UE (queirugais secos atlánticos costeiros de Erica vagans). Ademais instalaríase nun espazo natural para o que a Consellería de Medio Ambiente aínda non aprobou un plano de xestión (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais ou Plan de Conservación) que ordene os seus usos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)