Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
PARA TODOS OS PÚBLICOS

II Encontro coa zanfona contemporánea en Narón

O auditorio municipal de Narón acollerá entre os días 28 e 30 de abril o II Encontro coa Zanfona Contemporánea, organizado pola Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. As xornadas incluirán actividades formativas, concertos e a mostra interactiva O Artesanato da Zanfona na que os visitantes poderán coñecer da man dos artesáns as características e peculiaridades deste instrumento.

- 11:23 19/04/2006
Tags:

Aberto a todos os públicos. Así definen os seus organizadores o encontro de zanfona que se desenvolverá a vindeira semana en Narón. Está previsto que asistentes de diversos puntos da Península participen na iniciativa, que abordará o coñecemento do instrumento dende diversas perspectivas.

Unha delas será a música. A programación das xornadas inclúe tres concertos, que permitirán coñecer ao tempo tres xeitos de entender a zanfona contemporánea. A cita, o venres 28 a partir das 20:30 horas. Un deles será o que combine a melodía coa palabra. Luis Correa -Os Carunchos- revivirá na súa intervención os tradicionais romances de cego nun espectáculo cargado de humor e retranca.

Óscar Fernández e Carlos Quintá -ao acordeón- encargaranse de amosar como é posible convidar á danza adaptando para a zanfona os ritmos populares da tradición galega, como a muiñeira ou o pasodoble, nos que nun principio non estaba presente. Por último, unha aposta pola vertente máis experimental. O catalán Marc Egea presentará en Narón o seu último disco, Melanocetus, no que a zanfona é a única protagonista dunha proposta ecléctica e intimista. Marc Egea está considerado un dos grandes intérpretes e compositores para zanfona na música actual catalana.

Será o propio Egea quen se encargue ademais de impartir, os días 29 e 30, un curso de zanfona que terá un custo de 70 euros -60 para os asociados ao CMTF-. Os interesados poden solicitar máis información a través deste enderezo de correo electrónico.

As actividades deste encontro completaranse cunha exposición interactiva que poderá visitarse o venres 28 de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A mostra sobre os artesáns da zanfona creará un punto de encontro entre este instrumento e o público. Así, os artesáns converteranse en mestres por un día e abrirán as portas dos seus obradoiros, para achegarnos as súas creacións, inquedanzas e segredos con todo detalle.

A exposición converterase deste xeito nun espazo didáctico de carácter multisensorial para facilitar unha visión o máis ampla posible do mundo da zanfona: instrumentos desartellados, curiosidades, anécdotas, proxeccións audiovisuais, coloquios... A visita guiada á mesma estará pensada tanto para grupos escolares como para o público xenérico.


0/5 (0 votos)