O movemento social a prol do software libre está a expandirse polo país. Así o destaca o estudo "O Software Libre nas entidades de Galiza", publicado polr Mancomun.org. O documento sinala que en 2006 organizáronse o triple de actividades relacionadas con estes programas que en 2005. Agora ben, aínda hai moito camiño por andar para popularizar as aplicacións abertas, especialmente nos concellos, o ensino e nas PEMEs.
Só un de cada tres municipios usa programas libres, mentres que nos centros de ensino a porcentaxe cae por debaixo do 20%, un 10% no caso das PEMEs . As empresas que traballan con tecnoloxías da información son as máis proclives a explotar estes programas, segundo o citado estudo.
A ignorancia é o principal problema
A "falta de coñecemento" é a principal barreira para a introdución destes programas nas empresas galegas, a pesar da "imaxe excelente" da que gozan as aplicacións abertas entre os usuarios. Cómpre lembrar, por exemplo, que o navegador de código aberto Mozilla Firefox non para de comerlle mercado ao Microsoft Explorer e xa é empregado por un tercio de todos os internautas do mundo.
"O menor prezo, a permutabilidade e a posibilidade de ser traducido a calquera idioma" son algunhas das vantaxes do uso dos programas de código aberto, segundo Mancomún. A través deste proxecto público, xa se logrou a tradución do paquete OpenOffice.org e agora estase a traballar no lanzamento da versión galega do Firefox 2.0.
O goberno galego comprometeuse na promoción do software libre no seu acordo de goberno. A pesar da cooperación de nove asociacións de usuarios coa iniciativa pública Mancomun.org, promovido pola Consellería de Industria, destes grupos teñen reclamado que o compromiso efectivo co software libre se estenda ao resto de departamentos da administración autonómica.