O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e a responsábel do departamento de Educación, Laura Sánchez Piñón, foron os encargados de presentar o novo material didáctico elaborado para o alumnado de primaria e de secundaria, co que se pretende "implicar as novas xeracións no coidado e gozo do monte, así como no total rexeitamento ás practicas que, por acción ou omisión, favorecen os incendios forestais", segundo declarou. O recurso educativo, que leva por nome Non queimes o futuro, busca amosarlles aos máis pequenos a relación que existía entre o monte e a forma de vida dos seus antepasados. "Mestres e mestras deste país poden manexar recursos amenos e pedagóxicos con esta finalidade e, o que é máis importante, facer partícipes aos alumnos da tarefa de revalorización do monte na nosa sociedade", manifestou Suárez Canal.
O máximo representante de Medio Rural fixo un repaso ás iniciativas que se están a tomar dende a Administración coa fin de que non se repita a catástrofe do pasado verán. Así, falou do proxecto de Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, que vai ser aprobado nos vindeiros días; da creación dunha empresa pública que aglutine o dispositivo de loita contra o lume; da unificación do mando e a súa profesionalización; ou da sinatura dun convenio-marco coa Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, para sufragar a limpeza de 2.000 núcleos rurais en máis de 200 concellos galegos antes do verán.