Cun importante triunfo ante o Estudiantes, un do seus rivais directos, o Celta Vigourban certificou case de xeito definitivo a súa permanencia un ano máis na elite do básquet feminino. O cadro de Miguel Méndez venceu 57-53 grazas a unha boa defensa e a vantaxe de sete puntos acadada no terceiro cuarto.
Por todo o alto celebraron as viguesas o seu triunfo, sobre todo, despois dos nervios vividos no último cuarto, cando parecía que o Estudiantes ía darlle a volta ao marcador. O 43-36 co que se chegaba aos últimos dez minutos parecía sentenciar o encontro pero non foi así.
O acerto das madrileñas no último tramo foi contrarrestado por Alba Torrens, que volveu dirixir o equipo maxistralmente e foi ademais a máxima anotadora do encontro con 19 puntos.
Deste xeito, e salvo catástrofe, o bicampeón de liga poderá manterse un ano máis entre os mellores conxuntos do estado.
Pola súa parte, o Extrugasa, perdeu en Vilagarcía ante o F.C.Barcelona por 48-66. De momento a derrota non fai perigar a participación das galegas no playoff polo título.