O escritor e xornalista Carlos Gabetta explicará este martes desde as 20:00 no Centro Sociocultural de Caixa Galicia de Santiago como o neoliberalismo converteu a América Latina na rexión "máis inxusta do planeta". Continúa así o ciclo 'América cada vez máis latina', que xa comezara con Eduardo Galeano e Luís Toledo Sande.
Carlos Gabetta
Carlos Gabetta, director de Le Mónde Diplomatique para o Cono Sur analizará, nunha conferencia organizada polo Club Internacional de Prensa, os efectos do neoliberalismo no subcontinente, centrándose nas desigualdades sociais xeradas por este fenómeno. Vén directamente dende a Arxentina para participar neste ciclo, no que falará do neoliberalismo, que "dende hai máis dunha década afondou desigualdades seculares, convertindo a América Latina na rexión máis inxusta e desigual do planeta, aínda que non a máis pobre. Este paradoxo é só aparente: América Latina é a máis inxusta porque é a máis rica, non só potencialmente, senón porque acadou niveis de desenvolvemento que non xustifican en absoluto semellantes desigualdades. A década neoliberal non só acentuou a pobreza dos pobres, senón que destruíu sectores enteiros das clases medias, afondou na dependencia das economías do capital estranxeiro, multiplicou a débeda externa e privatizou a explotación dos principais recursos naturais na meirande parte dos países".
A crise da Arxentina no 2001, as victorias electorais de candidatos populares con programas de centroesquerda e reivindicacións nacionalistas, a perda de peso dos EUA na rexión e a caída do seu prestixio, ou a integración rexional, forman parte tamén do contido da conferencia do xornalista arxentino. A crise e a oportunidade, "cuxa expresión máis concreta son os esforzos pola integración rexional e as enormes riquezas e posibilidades da rexión e na vontade de cambio que expresan as maiorías", serán abordados tamén na súa intervención, que non obviará o papel dos medios de comunicación e da Unión Europea neste contexto.
O xornalista Carlos Gabetta dirixe dende 1999 "Le Monde Diplomatique" na edición para o Cono Sur, con reedicións en Bolivia, Chile, e Colombia. En 2004 foi Director do Diploma de Estudos Avanzados en Xornalismo e Comunicación, que se impartiu no Instituto de Altos Estudos Sociais da Universidade de San Martín (Bos Aires). Pero antes foi analista político e económico, e columnista do semanario "Trespuntos" de Bos Aires. Dirixiu en España os xornais de análise político, social e cultural "Cuatro Semanas" e "Le monde diplomatique"; foi director do semanario bonaerense "El Periodista", correspondente de Radio France Internationales na Arxentina; traballou no Canal 13 da TV de México -correspondente en París-, redactor da Axencia France Presse, xefe da sección latinoamericana do semanario "Politique Hebdo" de París, e colabora cos xornais "El País", os mexicanos "El Día" e "El Proceso", "II Manifesto" (Italia), "Newstatesman Society" (Inglaterra), "Croissance des Jeunes Nations", e "Témoignange Cherétien" (Francia). Traballou tamén con outros medios de comunicación, ademais de ser membro fundador de diferentes asociacións e sindicatos de xornalistas. Publicou La "democracia" en Argentina, La debacle de Argentina, Argentine: le diable dans le soleil, Argentine, une culture interdite, Argentina: cómo matar la cultura, Todos somos subversivos, Qué hacemos con este país, La sociedad y la droga, La contaminación ambiental, La aldea Babel -con outros autores-, Ser periodista en el Mediterráneo, e prologou Periodismo y Ética, libro do xornal "La Nación" de Bos Aires.