O xurado elixiu por unanimidade a obra de David Rodríguez, que tamén foi a preferida do público.
O xurado do premio, deliberando
O bambán, de David Rodríguez, foi a obra gañadora da primeira edición do premio de teatro radiofónico Diario Cultural, organizado pola radio autonómica e o Centro Dramático Galego. O xurado, formado por Cristina Domínguez, directora do Centro Dramático; Ana Romaní, directora do Diario Cultural; o dramaturgo Manuel Lourenzo, o crítico teatral Camilo Franco e o profesor Afonso Becerra, decidiu por unanimidade que o texto do autor vigués era merecedor do galardón.
A valoración do xurado coincidiu coa da audiencia, que lle deu 35 votos máis á obra gañadora ca á segunda clasificada, 1.073. A terceira finalista foi O elixido, que, xunto coas outras dúas, se incluirá nun libro-CD editado por Xerais. A publicación presentarase o 18 de abril nun programa especial do Diario Cultural aberto ao público.
Os membros do xurado destacaron a limpeza e a claridade expresiva da obra gañadora, a aposta polo teatro conversacional e a creación dunha atmosfera densa e fluída á vez. Tamén tiveron en conta a adaptación do texto ao medio radiofónico.
Autor novel
David Rodríguez naceu en Vigo en 1975 e actualmente traballa de repartidor en Salvaterra do Miño. O bambán é a súa primeira obra dramática, aínda que tamén é autor do blog O funambulista coxo.
As obras finalistas emitíronse ao longo da programación da Radio Galega do 12 ao 25 de marzo. Estiveron dirixidas por Lino Braxe e interpretadas polas voces de Luís Tosar, Miguel Pernas, Rebeca Montero, Manuel Manquiña e Luís Zahera, entre outros. Da gravación e da montaxe encargáronse Toño Vázquez e Isidro Cea.