Abelleiros e ecoloxistas bótanlle a culpa aos pesticidas neurotóxicos.
As abellas son un bo termómetro medioambiental / Foto: Ruurmo
A Asociación Galega de Apicultura, AGA e o colectivo ecoloxista Adega fixeron público un comunicado no que culpan aos pesticidas da notábel redución das colonias de abellas. As dúas entidades lembran a importancia destes insectos para a polinización de moitas plantas. O problema non acontece soamente en Galiza. En países como os Estados Unidos ou Francia a preocupación tamén é evidente entre os expertos.
Ecoloxistas e abelleiros cren que hai probas abondo para solicitar a prohibición, ou polo menos un maior control, sobre este tipo de pesticidas. As dúas asociacións subliñan que é un problema no que teñen que intervir ademais da Consellería de Medio Rural, a de Medio Ambiente e a de Sanidade. Como exemplo do desleixo, sinalan que Medio Ambiente destina axudas a sementeiras de cereal para o hábitat da perdiz. A miúdo estas sementes están tratadas con neurotóxicos.