Se o rock and roll é, segundo Jorge Martínez, “un exercicio de arrogancia”, que é entón o hip-hop?
Pode ser o que ti queiras que sexa, pode ser arrogante ou non. Pero xa que dis iso, como me dixo un colega referíndose a DKTC: vós sodes rock and roll, tío!
Vostede é membro da asociación cultural Cultivarte. Hai cultura de asemblea neste país ou estamos todos enfermos de minifundismo?
Estamos enfermos de vez, pero estamos mutando a mellor.
O hip-hop é un movemento urbano, pero vostede tamén fai grafittis pola aldea.
Nalgún tempo supoño que o barrio do Bronx foi unha aldea, ou algo así. O graffiti é coma deus. Está en todos os lados e así é como ten que ser.
Larry Clark ou Spike Lee?
Fai o que debas.
No PP están convencidos de que a Consellería de Cultura trata con especial cariño a moita xente que se posicionou contra Fraga. Cre que o nepotismo circula mellor que a cultura?
O PP non é o máis indicado para falar deste tema, eso está máis que demostrado. É verdade que en Galiza o nepotismo é un mal que vén de longo e que parece que está enraizado de mala maneira, sobre todo nas vilas pequenas. Non sei se circula mellor que a cultura, pero polo noso ben espero que non. Aos que nos acusan de “enchufaos” diríalles que tocamos en moitas ocasións contratados por concellos gobernados polo PP, antes do cambio de goberno. Así que quen queira que entenda, e quen non, que se informe antes de escribir ou dicir “gilipolleces”.
Que lle suxiren as palabras “Public Enemy”?
Pensar que facían falta no mundo máis grupos coma este e máis tipos coma Chuck D.
En Herdeiros da ditadura cualifican como “julai” ao embaixador Paco Vázquez. Cre que o cualificativo é extensible a toda a clase política ou trátase dunha simple excepción?
Xa me gustaría... A política é un xogo no que, ou acabas sendo un “julai”, ou acabarás sendo un cadáver político. Un xogo de estratexia no que todos rematan traizoando a alguén ou a si mesmos porque as propias regras do mesmo así o esixen. Esta carreira de ratas é o que che ten e é unha mágoa…
Cre que se fixera un grafitti xeitoso no Panteón de Galegos Ilustres, acabarían pasando Os Nosos Antidisturbios?
Para Teixeiro de cabeza…
Pois ke traballe o rei!
E toda a súa family! Eramos poucos e paríu a Leti…
Entrevista publicada na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 118, abril de 2007)