O vídeo en que un neno disparaba balotes contra un felino emitiuse no programa Son de estrelas sen que a presentadora criticase os feitos.
A parlamentaria do BNG Modesta Riobó solicitoulle á dirección da CRTVG que reprobe unhas imaxes emitidas na Galega onde se atentaba contra un gato. A emisión, da que xa informou o pasado venres o blog de redacción de Vieiros, formaba parte do programa Son de Estrelas. Nel, un menor disparaba contra un felino cunha escopeta de balotes.
A deputada nacionalista considera que a televisión pública vulnerou a Lei de Protección Animal, o que considera unha “infración grave”. Ademais, a presentadora do espazo non criticou nin censurou os feitos, “senón que os narrou con toda normalidade”, afirma Riobó.
Na iniciativa parlamentaria lembra que, nas imaxes, gravadas nunha vila do país, un menor de idade disparaba a un gato “ante a complicidade e algarabía dun grupo de xente”. A Lei de Protección Animal esixe unha postura activa ante condutas que comporten abusos dos seres vivos “e a TVG, como medio de comunicación pública, debería cumprir rigorosamente este principio”.