A Comisión Europea considera que "abusou da súa posición dominante" entre os anos 2001 e 2006. Os consumidores españois pagan un 20% máis da media.
A Comisión Europea impuxo esta cuarta feira unha multa de 151,875 millóns de euros a Telefónica por abuso de posición dominante no mercado de banda larga entre os anos 2001 e 2006, ao considerar que cobraba aos seus rivais prezos excesivos polo aluguer da súa infraestrutura de rede e deixáballes unha marxe de beneficios insuficiente para competir.
A multa é, por unha ampla marxe, a máis alta imposta polo Executivo europeo a un operador de telecomunicacións. Até o de agora, Bruxelas sancionara á francesa Wanadoo con 10,35 millóns de euros e á alemá Deutsche Telekom con 12,6 millóns de euros por abuso de posición dominante en acceso á rede local e á internet.
Prezos máis altos que en Europa
O Executivo comunitario considera que, coas súas prácticas comerciais, Telefónica debilitaba aos seus competidores, dificultando que mantivesen a súa presenza e o seu crecemento, e obrigáballes a incorrer en perdas se querían igualar os prezos de Telefónica.
O resultado é, segundo Bruxelas, que os consumidores españois pagan polo acceso á banda ancha un 20% máis que a media da UE-15 (Europa dos quince, antes da ampliación), mentres que o seu índice de penetración é un 20% inferior e o seu crecemento un 30% máis baixo.