Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A SALA NASA CUMPRE QUINCE ANOS

“As administracións víannos como xente perigosa”

A sala compostelá celebra este sábado cunha macrofesta de quince horas outros tantos anos de vida. Falamos con Miguel de Lira, un dos seus tripulantes históricos.

M. del Río - 09:00 22/09/2007
O actor Miguel de Lira é un dos alicerces do proxecto da Nasa

O actor Miguel de Lira é un dos alicerces do proxecto da Nasa

A Sala NASA celebra este sábado os seus quince anos cunha gran festa-maratón de quince horas de duración. Dende as doce do mediodía, as portas da NASA estarán abertas para o público e algúns dos moitos artistas que interviñeron na historia sala irán pasando polo escenario. Foi unha década e media de cultura en Compostela xestionada de xeito alternativo, con momentos difíciles, pero tamén con grandes satisfaccións, como conta un dos seus fundadores, Miguel de Lira.

Vieiros: Como naceu a NASA?

Miguel de Lira: Foi hai quince anos. Xa antes crearamos o grupo de teatro Chévere, o motor que propulsou o mecanismo da NASA, que xurdiu como un espazo para Chévere e outros colectivos artísticos de Galiza e do exterior, sempre con vocación de apertura. Así naceu, con fins pacíficos, pola necesidade dos equipos artísticos. Chévere xa era un grupo ecléctico, non de estrutura clásica. Cada un dos membros tiña a súa procedencia. Necesitabamos un espazo propio para realizar as nosas producións e os nosos soños.

V: E que ten que ver a NASA de hai quince anos coa de hoxe?

M. L.: Fomos evolucionando ano a ano, case como as persoas. Non houbo saltos bruscos nesta folla de ruta, como lle chaman os políticos. Tivo moitas solucións distintas nas que fomos traballando. A sala nunca se pensou como un negocio. Foi como unha extensión dos propios artistas que conformamos a NASA e o equipo técnico e artístico. Convertemos esta factoría nun espazo para o mundo do espectáculo. Sempre se foi renovando, tanto de público como de artistas. Xa hai dúas ou tres xeracións de artistas da Nasa, e tamén xente que quere iniciar esa aventura.

V: Cal é o papel da NASA no contexto cultural compostelán, cos últimos peches dalgunhas salas?

M. L.: Creo que hai moitas razóns para non naceren este tipo de salas noutras cidades. En Santiago, con moitos máis artistas por metro cadrado, é o propio artista o que fai cidade. E así naceu a NASA. Razóns para pechala hai cen mil, ou polo menos quince, unha por cada ano de vida. Moitas veces estivemos a punto de facelo. Sempre houbo razóns para pechar. Pasamos momentos difíciles... Nunca houbo apoios para que funcionase este tipo de modelo. Víannos como xente perigosa. Pero si que medrou a aceptación da xente, da Administración; fóronse gañando batallas co Concello, coa Xunta... Pero aínda falta dar o salto de que este modelo se espalle e evolucionar a unha fórmula mixta que complemente a iniciativa pública e a privada. Tería que haber un interese por impulsar este modelo, exportalo a outras cidades... Pódense reconverter os espazos industriais. Non é gratuíto que agora fosen varios grupos galegos a Berlín a unha antiga fábrica de cervexa, onde se desenvolve un dos festivais máis importantes do mundo. A NASA era unha nave de chapa e pintura, e iso foi o máis meritorio, pero noutros lados hai máis repercusión e máis compromiso das Administracións, mesmo en España. O camiño a percorrer é ese: que o noso modelo poida ser exportábel e que máis xente poida compartir este tipo de espazos para as manifestacións culturais que emerxen. Tocamos outras fronteiras, as vangardas.. é un modelo menos institucional. Non queremos que o teito sexa a NASA. É un camiño que queda por avanzar. A NASA é unha realidade bastante consolidada pero, mentres pasamos a atmosfera fomos perdendo pezas, como un foguete. Agora estamos aí gravitando e falta un obxectivo que nos sitúe.

V: E como ve a sala dentro doutros quince anos?

M. L.: Non son etapas de quince en quince anos, senón de ano en ano. Gustaríanos poder estruturar a NASA en períodos máis claros e estábeis, quizais en lustros, ou cada catro anos, como os gobernos, para poder planificar, abrir liñas de acción, aínda que sexa a curto prazo. Faise pesado estar preparando a programación de ano a ano. Non me estraña que moitos locais pechen porque sempre hai motivos persoais, artísticos ou inmobiliarios.

V: E o sábado celebran a festa de aniversario.

M. L.: Serán quince horas, un número máxico. É unha idade madura. En Latinoamérica as mozas pasan á madurez ao facer os quince anos e fan unha gran festa. Nós tamén facemos os quince anos. Na festa, todos participan de xeito voluntario. Non caben todos os artistas que pasaron por aquí, pero vai ser unha festa potente e de balde. Botamos a NASA pola fiestra. Será un bo xeito de entrar no outono, cando comezan a saír os cogomelos.


4,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: