Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Bush critica a decisión

Un comité estadounidense recoñece o masacre armenio causado polos turcos

Os congresistas cualificaron de "xenocidio" o acontecido en 1915. O presidente dos EUA asegura que a decisión pode "causarlle moito dano ás relacións con Turquía".

Redacción - 09:00 11/10/2007

A decisión do Comité de Asuntos Exteriores da Cámara de Representantes dos Estados Unidos chega nun momento complicado. A diplomacia estadounidense traballa estes días para frear a intención de Turquía de realizar unha operación militar ao norte de Iraq, no Curdistán iraquí. O primeiro ministro turco xa recoñeceu, despois da presión do alto mando do exército nas últimas semanas, que o seu goberno deseñou o plan de autorización dese ataque, que desde os EUA temen que contribúa á desestabilización da zona.

Nese contexto chega a resolución da Cámara estadounidense, que aprobou cualificar de xenocidio os masacres promovidos en 1915 en Armenia, episodio que nos últimos cen anos Turquía se resistiu sempre a recoñecer. Malia que os historiadores coinciden en denunciar que até millón e medio de armenios morreron a mans dos turcos durante aqueles episodios en tempos da 1ª Guerra Mundial, desde o goberno turco teiman en cualificar de "inaceptábel" calquera referencia ao suceso.

O presidente dos EUA, George W.Bush, xa instou aos representantes mesmo antes da votación, a non aprobaren a proposta, e posteriormente afirmou que "non é a resposta correcta a esas históricas matanzas masivas". Ao fío, a secretaria de Estado, Condoleezza Rice, agoirou que será problemática e "desestabilizadora" para a actividade dos EUA en Oriente Medio, destacando que Turquía é "un aliado estratéxico importante" dos estadounidenses.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: