Denunciaban os abusos laborais de empresas internacionais que fabrican prendas na zona.
"Están usando os xulgados para tratar de calar os colectivos que na India e Holanda están denunciando as graves violacións dos dereitos dos traballadores en fábricas que producen prendas para empresas como Armani, G-Star, Rare, Guess, Gap e Mexx". A queixa está recollida na web da propia plataforma Campaña Roupa Limpa.
Trátase dunha campaña internacional despregada co obxectivo de facer presión para a mellora das condicións de traballo na industria téxtil. Activistas holandeses vencellados á campaña realizaran nos últimos tempos as súas denuncias a pé de varias factorías da India, acusadas de prácticas abusivas sobre os traballadores.
Un xulgado de Bangalore iniciou accións contra os activistas, apoiando as denuncias das empresas e sostendo ademais que a Campaña Roupa Limpa tería o obxectivo "indirecto" de danar a imaxe do país. Paradoxalmente, mesmo o goberno indio lle enviou unha comunicación ao respecto ao comisario europeo de Comercio Exterior, Peter Mandelson, e ao ministro holandés de Exteriores, queixándose dos problemas presuntamente causados por estes colectivos á actividade comercial na India das multinacionais téxtiles.