Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O XULGADO ABRE DILIXENCIAS

As obras que terminaron por destruír un castro en Cervo van seguir adiante

A Xunta, que enviou o caso á Fiscalía, deixa seguir coa condición de máis catas arqueolóxicas. Adega denuncia unha "política dos feitos consumados".

Redacción - 12:04 25/11/2007
Situación da chamada Promoción Faro na atalaia de San Cibrao (enriba do castro)

Situación da chamada Promoción Faro na atalaia de San Cibrao (enriba do castro)

En xuño deste ano descubríase que a construtora Promociones San Ciprián estaba a construír por riba dun xacemento castrexo, xusto na zona do faro de San Cibrao, no Concello de Cervo.

Naquela altura a Consellaría de Cultura enviáralle unha notificación ao Concello, gobernado por Xosé Insua, do PPdeG, (agora o alcalde é Alfonso Villares, tamén do PPdeG) para que paralizase as obras. A carta de Cultura chegou o luns 4 de xuño, e os funcionarios do concello achegáronse á vila de San Cibrao, para paralizar as obras, xusto catro días despois, o seguinte xoves día 7.

Neses catro días a promotora acabou por destruír parte dun castro; dos 1.648 m2 nos que pretendían construír un edificio de 42 vivendas, só 60 m2 resultaron ilesos do arrase co que entraron as máquinas da construtora.

Segundo lle contou a Vieiros Xoán Estúa, do BNG de Cervo, foron varios militantes do seu partido os que se tiveron que achegar para tentar parar os camións, que saían cos restos levantados cada media hora. Todo o que foron sacando de debaixo da area durante eses catro días, fórono tirando nunha entulleira, na aldea de Morás, en Xove. Foi alí onde tiveron que ir os técnicos de Patrimonio para analizar os materiais arqueolóxicos irregularmente retirados do predio.

As obras van continuar, con certas condicións
Agora, ao non ser posíbel a recuperación dos restos arqueolóxicos amoreados na entulleira (que os técnicos de Cultura catalogaron como de notábel valor), a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vai levantar a suspensión das obras, tal como xa llo comunicou ao Concello a súa delegación provincial. Mais cunha condición: que eses 60 m2 que quedaron sen danar e os predios nos que Promociones San Ciprián quere construír dous novos edificios (de 32 e 26 vivendas) na mesma zona, tamén sexan obxecto doutra cata arqueolóxica.

O Concello de Cervo é sinalado como culpábel por Patrimonio
Por outra banda, debido ao atraso na paralización das obras (incumprindo o Concello de Cervo requirimento de Cultura), e tras determinar os danos irreparábeis causados, Patrimonio decidiu trasladar os feitos ao Fiscal Xefe da Audiencia Provincial de Lugo, que abriu dilixencias no xulgado de Viveiro contra o Concello, considerado principal responsábel dos estragos feitos no xacemento.

Adega alerta da "política dos feitos consumados"

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) manifestou, a través dunha nota de prensa, que lle vai solicitar á delegación provincial de Cultura en Lugo que manteña a paralización das obras, e que solicite a nulidade da licenza municipal para que a promotora non poida construír na zona. Nun seu comunicado din que "resolucións deste tipo, na que a política de feitos consumados prevalece por riba da legalidade vixente, constitúen unha clara invitación a seguir suplantando a legalidade e a seguir practicando o desacato permanente á autoridade administrativa".

Pola súa banda, o grupo municipal do BNG de Cervo ve lóxico o levantamento da orde de paralización dunha das licenzas, "tendo en conta os danos irreparábeis producidos", mais considera que non se deben construír os outros dous edificios que a promotora quere levar adiante. Para Xoán Estúa, do BNG de Cervo, a área debería ser escavada, inventariada e posta á vista. Segundo Estúa, a Dirección Xeral de Costas (do Ministerio de Medio Ambiente), Cultura e o concello deberían colaborar para que non se poida construír na zona, indemnizando o promotor: "entendemos que a promotora ten uns dereitos adquiridos e, a non ser que se lle pague, pode construír", dixo Estúa, "as distintas administracións deberan colaborar entre elas para poñer en valor esta zona da vila de San Cibrao, para que se beneficie dun plan especial que impida o acoso urbanístico que está sufrindo este barrio mariñeiro", terminou. Dende o BNG tamén lamentan que a vila de San Cibrao non se implique na loita contra a destrución do seu patrimonio histórico e cultural.

A única posibilidade de que a obra se pare de todo sería, segundo Estúa, que as institucións colaborasen entre si para poder indemnizar a construtora, pero dende Patrimonio din que primeiro hai que catalogar as pezas atopadas, e despois, actuar, segundo o seu valor.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha pequena parte dos 60 m2 que quedaron sen esbandallar, no faro de San Cibrao
Unha pequena parte dos 60 m2 que quedaron sen esbandallar, no faro de San Cibrao
Unha imaxe das escavacións do castro, a carón dun edificio construído hai 25 anos que nunca se habitou / Imaxe: ADEGA
Unha imaxe das escavacións do castro, a carón dun edificio construído hai 25 anos que nunca se habitou / Imaxe: ADEGA