Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ESTUDO PUBLICADO POR CONSUMER

O acceso á internet en Europa é ben mellor e máis barato ca no país

Alén dos problemas coa dispoñibilidade, o elevado prezo do ADSL en Galiza, nas zonas onde hai cobertura, é un dos principais atrancos para que a poboación se conecte.

Redacción - 12:20 28/11/2007

Nos últimos días foi noticia o elevado prezo e baixa calidade das conexións á internet, que dificultan o desenvolvemento da Sociedade da Información no noso país. A Unión Europea criticou o goberno español por este motivo, a pesar do seu desmentido. Para aclarar o asunto, pediulle un informe á Comisión do Mercado das Telecomunicacións. Porén, xa existen estudos que amosan a desigualdade que existe dentro de Europa no acceso á rede.

O prezo das conexións é un dos motivos polos que moitos fogares aínda non dispoñen de banda larga, segundo informou o Observatorio Galego da Sociedade da Información. Un estudo elaborado pola revista Consumer sobre a situación do ADSL en Europa. Aínda que xa ten uns meses, a situación non cambiou moito dende aquela. As comparacións son difíciles, pois hai que avaliar a velocidade da conexión, se se paga o mantemento de liña ou non, se hai cota de alta, se a descarga é limitada, e tamén o poder adquisitivo da poboación.

O aspecto que máis salienta este estudo é o avance no proceso de desagregación do bucle do aboado, é dicir, o feito de que os novos operadores teñan conexións propias na central telefónica e non alugadas á empresa dominante. Nese aspecto, os galegos imos por detrás da media europea, onde nalgúns casos se supera o 30%, como en Francia, ou o 20, como en Suecia, Finlandia, Holanda e Alemaña, fronte ao noso escaso 10%. Isto fai que haxa que pagarlle obrigatoriamente unha cota mensual ao operador maioritario aínda que non se teña contratado con el o ADSL.

Practicamente o único en que coinciden todos os operadores europeos é en que ofertan velocidades máximas, que non sempre se acadan, debido ás diferentes distancias entre os usuarios e as centrais. Tamén existen os contratos de permanencia mínima, que oscilan entre un e tres anos.

Na análise por estados, o caso francés amosa unha lexislación moi semellante á galega pero con prezos moito máis baixos e velocidades claramente superiores. Así, as baixadas máximas van dos 18 aos 24 megas, sen límite de descarga e prezos de, como máximo 29,90 euros ao mes con chamadas incluídas. Tamén hai unha oferta da operadora Neuf sen chamadas por 14,90.

No Reino Unido a velocidade non é tan elevada, pero os prezos son igualmente inferiores aos de aquí. A velocidade máis habitual é de 8 megas por un prezo inferior aos 30 euros, aínda que non inclúen chamadas. Segundo o estudo, a operadora dominante, BT, ten os prezos máis elevados, 8 megas, 40 xigas de límite e sen chamadas por 39,94 euros, ao cambio.

O estudo de Wairua Consulting publicado por Consumer amosa Bélxica como o estado cos prezos máis altos, con velocidades de 4 megas por algo máis de 50 euros mensuais, habitualmente con límite de descarga de 10 ou 20 xigas, aínda que inclúen chamadas e non hai que pagar cotas mensuais por mantemento de liña, polo que ao cambio vén saíndo a uns prezos similares aos nosos.

En Alemaña hai máis variedade de ofertas e prezos, en xeral, bastante vantaxosos, con ofertas de 16 megas por 29,99, por exemplo, aínda que algunhas inclúen cota de alta. Wairua tamén salienta que no país xermano cúmprense en xeral as velocidades ofertadas, e hai a posibilidade de contratar ADSL moi económico de velocidades baixas.

En Suecia, e nos países nórdicos en xeral, as velocidades son altas e os prezos baixos, aínda que tamén con cotas de alta elevadas. As conexións de 8 megas analizadas no estudo teñen uns prezos mensuais de arredor de 25 euros. Non inclúen chamadas pero o tráfico é ilimitado.

Por último, en Italia, as conexións máis caras, a 39,95 euros mensuais, ofrecen velocidades de até 10 megas máis chamadas, mentres que hai ofertas máis económicas, a 19,90, por velocidades de 4 megas sen chamadas.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: