O outro galardón, o "Osíxeno", co que Adega peneira entre os mellores comportamentos ambientais, destaca o labor do xeólogo Xoán Ramón Vidal Romaní.
"O desprezo ao patrimonio natural do país", foi argumento este martes para a decisión da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, de outorgarlle o "premio Dioxina á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel" ao grupo de empresas Villar Mir. Adega recorda os déficits ambientais que os ecoloxistas teñen denunciado ao respecto de diversos proxectos do grupo en Galiza, "graves agresións aos ríos (Xallas), rías (Corcubión), paisaxe (minas e canteiras), atmosfera...".
Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, referiuse por exemplo aos vertidos dunha das empresas de Villar Mir, Ferroatlántica, na ría de Corcubión. "Perpetúa un modelo colonialista e decimonónico en canto á explotación de recursos", opinou ao respecto do grupo empresarial.
Na categoría individual, o premio Dioxina vai para o alcalde de Cervo, Afonso Villares. "É un caso paradigmático dun urbanismo na costa que destrúe os bens históricos e naturais", sinalou a presidenta de Adega, Adela Figueroa, lembrando o permiso outorgado polo Concello á construción dun bloque de 40 vivendas sobre o Castro da Atalaia.
Osíxeno, beizón para as boas prácticas
Na beira boa, as actitudes ambientais a destacárense no plano positivo este ano son a Plataforma en Defensa do Litoral e, na categoría individual, o xeólogo Xoán Ramón Vidal Romaní. Adega salientou o "compromiso en defensa do noso patrimonio natural e contra o insustentábel Plano Acuícola da Xunta" das diferentes plataformas cidadás organizadas arredor de diversas localidades costeiras, caso de Corrubedo, Seráns, Merexo, Quilmas, Xove ou Foz, entre outras.
Por outro lado, tamén hai premio Osíxeno para o profesor Xoán Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía, "pola súa irrenunciábel defensa do Patrimonio Xeolóxico galego, a súa valente denuncia dos impactos das canteiras e a súa honradez e coherencia á hora rexeitar, no nome da institución que preside, o recoñecemento que a patronal da minería e canteiras quixo facerlle".