Os blogueiros galegos ofrecen testemuñas gráficas e opinións sobre o partido do xoves, coas súas luces e sombras.
Un momento do encontro / Andrés Milleiro
A resaca do Galiza-Camerún non lles deixou a moitos dos blogueiros tempo para escribir sobre o partido. Porén, o mediodía do venres xa se poden atopar as impresións e fotografías que deixaron diversos usuarios da rede. Un dos máis madrugadores foi Zerovacas, que levou a súa cámara a Balaídos e agasállanos con algunhas imaxes do ambiente. O autor cualifica o encontro de “fermosa noite”.
Tamén tirou fotografías do partido de fútbol, tanto dende o campo como dende o exterior, Andrés Milleiro. No seu Flickr ofrécenos unha visión en primeira persoa de como se viviu unha xornada histórica para o fútbol galego.
Engaden máis imaxes e unha crónica de como viviron o partido os cambadeses de Unha Grande Chea, que mesmo conseguiron un autógrafo de Óscar Pereiro. Galeguzo, aínda co furor do remate do encontro, narrou o que el define como a cronoloxía do mal de ollo da irmandiña ou unha serie de desafortunados feitos que coincidiron co Galiza-Camerún.
Outras visións negativas son as d'O Varal, que cualifica o amigábel como un “esperpento” e pide máis atención para outros deportes alén do fútbol. O Demo critica tamén o ambiente vivido no estadio vigués, entre o frío, o castelán e a denominación de “seleccións inferiores” mesmo á feminina absoluta.
E tamén hai opinións como a de David, de Mi rincón de Internet, que tacha o amigábel de “fiesta anual del nacionalismo gallego”. Na mesma liña está Gaviotero, fiel seguidor deste xornal, que máis ca centrarse no partido o que fai é valorar ao seu xeito a cobertura que fixo Vieiros.
Rematamos coas opinións máis estritamente deportivas: a de Hala Celta e a do Blog Otomano. Ambos os dous consideran positivo o empate co que rematou o encontro, polo feito de que a Selección segue invicta.