Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Álvaro Pino, director deportivo do equipo ciclista profesional galego

"O novo KGZ ten menos corredores, pero non menos nivel"

O Karpin Galicia camiña para a súa segunda tempada no pelotón profesional, animado polo excelente papel realizado no ano do seu debut e polos novos retos, coma o tour malaisio co que comezan.

Redacción / Comunicación KGZ - 12:41 02/01/2008
Pino no coche oficial do KGZ

Pino no coche oficial do KGZ

A pre-tempada estivo marcada polos adestramentos colectivos (novidade para os ciclistas profesionais galegos) que desde novembro reuniron ao cadro de corredores e que, tras a paréntese do Nadal, comezaron outra volta esta cuarta feira.

Velaquí vai unha entrevista feita polo KGZ a Álvaro Pino, director deportivo do equipo ciclista profesional galego, que comeza o ano con forza, adestrando para o Tour de Langwaki, en Malaisia, no que será o seu primeiro gran reto enriba das bicis (que son de estrea).

Como valora os novos adestramentos en equipo (experiencia novidosa no ciclismo profesional galego)?

A partir do punto de vista do equipo (que é o que en primeiro lugar me ten que preocupar), moi positivamente, porque xa nos primeiros días se puido observar que había ciclistas cunhas técnicas de traballo en ximnasio moi deficientes.

Como aceptaron o ciclistas a medida?
En xeral ben. Cos seus pequenos inconvenientes e vantaxes. Aínda que non podo negar que aos máis veteranos, habituados ás súas pre-tempadas tradicionais, custoulles máis ter que realizar uns desprazamentos de 50 ou 100 quilómetros até o lugar dos adestramentos. Pero temos que facer aquelo que consideramos mellor para o equipo.

A estrada vai ser a que vai avaliar pero, que vantaxes pensa que pode reportar inicialmente este sistema de traballo en equipo?
En principio ofrece unha base física máis uniforme para o cadro de corredores, e creo que tamén máis alta. Unha boa base física é imprescindíbel para aguantar ben a tempada. Con este sistema de adestramentos tampouco se coarta a iniciativa daqueles que puidesen estar acostumados a traballar máis forte, porque teñen outros catro días da semana para personalizar o adestramento ou para axustalo aos seus obxectivos da tempada. Outra consecuencia deste traballo é que creo que imos comezar a tempada máis rodados.

Hase manter o sistema todo o ano?
Trataremos de facer todos os adestramentos colectivos que poidamos, pero cando arrinque a tempada será outra historia, porque sempre haberá corredores en competición, cando non toque, ademais, desdobrar o equipo.

Unha primeira ollada á listaxe de corredores levaría a pensar nun cadro con menos nomes que o anterior. Que se pode dicir deportivamente?
Que non é inferior o nivel deportivo. A falta de experiencia poderemos compensala cunha maior ambición. Os nomes o ano pasado, agás no caso de Eladio Jiménez, non nos deron tampouco grandes resultados. As achegas de Santos e Nozal poderémolas ver menos nunha contrarreloxo por equipos (como foi o caso o ano pasado na Volta a Cataluña); ou no momento de ter que facer un traballo para un líder, porque eses dous son corredores que coñecen moi ben o oficio. Porén, imos contar cun Ezequiel Mosquera que xa ten a experiencia de ter pelexado cos mellores nunha carreira do nivel da Vuelta a España, ou Carlos Castaño, que tivo fases da tempada de gran rendemento.

Como foi a adaptación dos novos?
A adaptación de Serafín e Mourón foi moi boa, e a de Abal e Rabuñal tamén temos que cualificalas de boas. Temos confianza neles e agardamos que este ano poidan dar xa un pouco máis. Non lles imos pedir resultados (que gañen carreiras), pero tampouco se lles vai permitir que durman, porque, se non se ve unha progresión, hai outra xente pedindo paso.

Que nos pode dicir das fichaxes deste ano?
En primeiro lugar, que os amadores que entraron no equipo -falo de Cobelo, Paleo, Delio e o propio Alberto Fernández-, están aí sobre todo porque gañaron o seu posto a pulso. Dáse a circunstancia de que a maior parte deles teñen unha idade superior á que polo xeral teñen os ciclistas que adoitan pasar ao campo profesional, pero valoro outros moitos aspectos ademais da idade. Para o equipo isto tamén ten unha vantaxe porque se aos de 20 ou 21 anos lles metes 40 ou 45 carreiras na tempada, a estes pódeslles meter 60 ou 65.

A estrea será no Tour de Langkawi, por que?
No 2008 temos previsto facer un calendario algo máis amplo que o da pasada tempada. De momento, imos comezar co Tour de Langkawi, carreira nova no noso programa. Na metade de tempada moitos ciclistas piden papas, mais agora todos queren correr, sobre todo para romper coa rutina dos adestramentos. O Tour de Langkawi vainos permitir ter o cadro de corredores, ao completo, en activo. Esta carreira pode considerarse un adestramento de calidade para competicións posteriores, como a Vuelta a Murcia ou a Vuelta a Valencia. Isto non quere dicir que vaiamos a Malaisia a pasear, porque algúns dos ciclistas que van son os que está previsto que comecen forte a tempada.

A Vuelta a España será de novo unha prioridade para o equipo. Motívao o percorrido do 2008 máis do que o da edición anterior?
Precisamente por ser unha prioridade no noso calendario, a Vuelta a España tennos que motivar en calquera circunstancia, independentemente do seu percorrido. Porén, pensando un pouco nos nosos propios intereses, creo que este percorrido, con menos contrarreloxos -unha delas unha cronoescalada-, e máis montaña, debe ser mellor para Ezequiel Mosquera.

Fai anos o descubrimento para o ciclismo de Los Lagos parecía todo un achado, hoxe dáse unha volta de porca máis e aparecen portos como Angliru na Vuelta e Mortirolo no Giro. Que opinión lle merecen estas novas incorporacións?
Angliru é un porto para marcar diferenzas. Ao KGZ, sendo a referencia Ezequiel Mosquera, non lle debería ir mal, aínda non sendo este porto o que mellor se axusta ás súas características. É un porto para escaladores puros, capaz de marcar moitas diferenzas. Penso que pode afastar da loita pola vitoria final a moita xente.

Os extremos non son bos, tanto se falamos do Angliru como, por exemplo, da contrarreloxo da pasada edición de Zaragoza. Cunha contrarreloxo menos esixente, un ciclista como Sastre podería ter chegado aos últimos días de carreira con máis opcións e iso é bo para o espectáculo.

Entón, Angliru ou Lagos?
Dende o punto de vista de espectador de ciclismo, para min resulta máis atractivo uha final en Los Lagos, mais cuns bos portos antes.

Relacionadas: O Karpin Galicia enceta o ano estreando bicicletas


Ligazóns

4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: