Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PARLAMENTO APROBARAO AO MEDIODÍA

Cosova será independente este domingo

O primeiro ministro Thaci, o presidente Fatmir Sejdiu e o líder do Parlamento, Jakup Kraniqi, farán unha declaración á prensa ás cinco da tarde.

Redacción - 13:33 16/02/2008

Segundo o xornal Express, o primeiro ministro cosovar, Hashim Thaci, entregará este domingo ás nove da mañá (hora galega) unha solicitude para convocar unha sesión extraordinaria do Parlamento, que se celebrará a partir das dúas da tarde. Cando finalicen o debate e a votación parlamentaria, contra as cinco da tarde, o primeiro ministro Thaci, o presidente Fatmir Sejdiu e o líder do Parlamento, Jakup Kraniqi, farán unha declaración á prensa.

A seguir, os tres representantes políticos presidirán un acto nunha céntrica praza de Pristina, no que se celebrará un concerto da Orquestra Filarmónica de Cosova, que terá o Himno Europeo como peza fundamental e simbólica. A partir das 21.50 horas, Sejdiu e Thaci dirixiranse en senllos discursos aos cidadáns do país.

En paralelo, os serbios de Cosova preparan manifestacións o luns contra a independencia, segundo o anunciado por Marko Jaksic, xefe dos municipios de maioría serbia.

Apoio da UE e EEUU, receos en Rusia e España
A vicepresidenta do Goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, declarou esta mañá na Cadena SER que "España non é partidaria de declaracións unilaterais de independencia". Porén, De la Vega sinalou que o Goberno traballa para conseguir "unha posición común" no seo da UE e de Nacións Unidas.

As repúblicas ex iugoslavas de Croacia e Macedonia, ao igual que a maioría dos estados da Unión Europea, van recoñecer a soberanía do novo Estado. Bosnia, que avoga polo diálogo entre Belgrado e Pristina, poderíase abster. Entre os estados máis belixerantes están, ademais do serbio e o español, Chipre, Grecia, Romanía e, sobre todo, Rusia. Precisamente, esta quinta feira o Consello de Seguridade da ONU a petición deste último país debateu a actual situación.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: