Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Abjasia, Osetia do Sur e Transnistria preparan un plan conxunto

Os serbios de Bosnia reivindican o seu dereito á independencia

Dende a fin da guerra (1992-1995), Bosnia-Herzegovina está dividida en dúas entidades: a República Serbia e a Federación de maioría de bosnio-croatas e bosnio-musulmáns.

Redacción - 12:28 22/02/2008
Mapa étnico de Bosnia-Herzegovina (2005)

Mapa étnico de Bosnia-Herzegovina (2005)

O parlamento serbio de Bosnia adoptou esta quinta feira, por ampla maioría, unha resolución onde se recolle que "se un número significativo dos membros da ONU, en especial membros da UE, recoñecían a independencia de Cosova (...), trataríase dun precedente no recoñecemento do dereito á autodeterminación, onde tamén estaría o de secesión". En consecuencia, os serbo-bosnios reivindican o dereito á independencia.

Bosnia conta con perto de 4 millóns de habitantes, un 40% musulmáns, un 31 % serbios e un 10% croatas. Desde o fin da guerra (1992-1995), Bosnia-Herzegovina está dividida en dúas entidades: a República Serbia e a Federación Bosnia-Herzegovina, de maioría croato-musulmá (o distrito BrÄ?ko pertence a ambas as dúas). A administración central conta con pouca presencia.

"A República Serbia considera que ten o dereito a organizar un referendo para decidir o seu estatuto estatal", afirma a resolución adoptada polo parlamento dos serbo-bosnios. O seu primeiro ministro, Milorad Dodik, considerou que "a proclamación unilateral da independencia de Cosova significa que a República Serbia pode, de agora en diante, contar cun dereito similar".

No entanto, dende a declaración cosovar, Dodik insiste en que non é un precedente que cumpra seguir. Pola súa banda, os nacionalistas reclaman a secesión e a comunidade internacional esforzase por que calle a mensaxe de que "toda analoxía entre Cosova e Bosnia é inconcibíbel". "A integridade de Bosnia non pode ser posta en dúbida ", afirmou esta quinta feira o alto representante internacional en Bosnia, Miroslav Lajcak.

Namentres, os bosnio-musulmáns e bosnio-croatas da Federación Bosnia-Herzegovina manteñen unha actitude reservada dende a proclamación de independencia de Cosova.

Plan conxunto de Abjasia, Osetia do Sur e Transnistria
Por outra banda, segundo informan medios rusos, as repúblicas secesionistas de Abkhazia, Osetia do Sur (Xeorxia) e Transnistria (Moldavia) prepararán un plan conxunto para lograren a independencia. Os seus líderes reuniranse nos vindeiros dez días para elaborar un protocolo de acción con este fin, anunciou o presidente abjasio, Serguei Bagapsh.

Ademais, Abjasia vai redactar unha declaración, que enviará aos dirixentes de Rusia e doutros países da Comunidade dos Estados Independentes (CEI) e da ONU, onde solicitará que se recoñeza a independencia desta república.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: