Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NO MNAC

Arte románica, renacemento artístico no medievo europeo

En Barcelona preséntase unha boa escolma de obras románicas producidas ao longo do século XII entre a Toscana e Cataluña.

Lito Caramés - 20:30 30/03/2008

Na montaña de Montjuïc, o Museu Nacional d'Art de Catalunya (MNAC) vén de presentar unha ambiciosa mostra de arte medieval do século XII que acolle máis de cen pezas, entre esculturas, pinturas e mesmo elementos arquitectónicos. Os comisarios Manuel Castiñeiras (ex profesor da Universidade de Compostela) e mais Jordi Camps, conservadores da colección de arte románico do MNAC decidiron pórlle por título El Romànic i la Mediterrània. Catalunya, Toulouse i Pisa (1120-1180). Trátase dunha escolma de obras procedentes de museos de Europa e mais de América e que orixinariamente formaron parte de edificios (os máis deles relixiosos) do norte de Italia, do sur de Francia e mais do norte de Cataluña.

A mostra completa a colección de arte románica do MNAC, posiblemente a mellor colección de arte románica que se poida atopar nun museo. Un extenso e detallado catálogo remata a exposición. No catálogo faise referencia ás pezas exhibidas, e tamén se fan contribucións teóricas sobre os coñecementos actuais da arte románica.

A primeira arte europea

Xa hai moito que se di e se acepta como válido que, despois da descomposición do Imperio Romano de Occidente e dos séculos nos que cada rexión ou área europea xerou as súas propias creacións artísticas, o que hoxe coñecemos como arte románica é a primeira manifestación artística colectiva que se estende por boa parte do continente europeo. A arte románica xurde no medio das sociedades feudais como expresión autóctona e como froito de varias influencias. Medra no berce piadoso que fomenta o primeiro milenarismo do cristianismo e, pese á sona que logo tratará de imporlle o Renacemento italiano a toda a arte medieval, é continuador das realizacións romanas. Á arte romana debe, a lo menos, a tradición da escultura monumental (escultura romana que os artesáns podían ver en moitas cidades; no cemiterio de Pisa, por exemplo). E tampouco se deben esquecer os préstamos que lle fai o outro imperio, o imperio do que case nunca se fala, o Imperio Romano de Oriente: Bizancio. Bizancio era o gran veciño do leste, esa macro-estrutura política e social que estivo aí toda a Idade Media, que sobreviviu mil anos (1.000 anos!) ao outro imperio romano. Bizancio, desde o seu vigor cultural e desde a súa presenza en Italia, deitará os seus gustos anti-naturalistas e ríxidos na pintura románica.

Ripoll, Toulouse, Pisa

A mostra El Romànic i la Mediterrània está concibida como unha recreación das viaxes profesionais que diversos artesáns realizaban nun arco xeográfico que vai da Toscana a Cataluña, pasando polo sur de Francia, e viceversa.

Entre doutros, séguese a pista dun personaxe moi fecundo e interesante, o mestre de Cabestany, chamado así porque foi nesta vila do Roselló onde se comezaron a seguir os pasos deste artesán escultor que logo fai achegas a Cataluña e tamén vai (ou vén?) ao norte de Italia. Na mostra atópase precisamente, entre outras pezas deste autor, o tímpano de Santa María de Cabestany (s. XII).

Xa que Toulouse é unha cidade situada nun dos vieiros que carrexaba europeos a Santiago de Compostela, bótase en falta algunha referencia a arte compostelá (ou ao románico do Camiño, tan abondoso, coñecido e peculiar). Máxime cando a igrexa de Saint Sernin de Toulouse é unha obra arquitectónica coetánea e con estrutura construtiva case idéntica á catedral compostelá.

Un dos logros de El Romànic i la Mediterrània é sen dúbida o interese por recrear a vida en todas as súas facetas. Xa que logo, non só hai esculturas, ou algunha pintura. Non. Hai crucificados de distintas procedencias, formas e tamaño, hai libros, fíxose unha recreación do interior dunha igrexa... E tamén hai algunhas teas. Por iso estaría moi ben poder contar na mostra co Tapís de la Creació da catedral de Girona, esa extraordinaria peza téxtil, supervivente de moitos séculos. É fácil supor tamén que o estado da tea e as dificultades de traslado e exhibición pesaron máis que outros argumentos a favor da súa contemplación en Montjuïc.

Ripoll en 3D.

Un dos grandes atractivos da mostra El Romànic i la Mediterrània é a recreación virtual que o Departament de Llenguatges i Sistemes Informàtics da Universitat Politècnica de Catalunya, coa colaboración do Consiglio Nazionale delle Ricerche de Pisa, fixo da portada do mosteiro de Santa María de Ripoll, e que se pode ver dentro desta exposición.

Desde unha pantalla táctil e cuns lentes apropiados, as persoas que se acheguen ao Palau Nacional de Montjuïc poden efectuar unha visión do magnífico programa iconográfico da portada do mosteiro de Ripoll, incluso en mellores condicións que na visita real. Esta recreación, feita a partires do escaneo de todos os relevos da portada, permite ver detalles das pezas que están máis altas e afastadas do visitante. E así pódese contemplar, en calquera ángulo e posición o Pantocrator, figura central, sita a máis de sete metros de altura, o mesmo ca calquera outro relevo da monumental portada.

Interesante esta visión da portada do mosteiro de Santa María de Ripoll dentro de esta mostra do románico por canto permite observar as influencias romanas e bizantinas que nesa portal occidental do mosteiro se manifestan. O oco que da acceso ao interior ten a forma que tanto repetiron os arquitectos romanos nos seus arcos de trunfo e a colocación das figuras e a súa ordenación en diversos rexistros (ou niveis) é un referente claro do que a relixión cristiá de oriente (a que se impuxo no imperio de Bizancio) ideou nos seus famosos iconostasios.

Seguirían os artesáns que traballaron na portada de Ripoll os procesos corporais e técnicos que lles cumpría seguir aos creadores das iconas bizantinas? Serían quen de prepararse para atacar a obra en pedra con longos xexúns?

EXPOSICIÓN: El Romànic i la Mediterrània. Catalunya, Toulouse i Pisa (1120-1180)

MNAC, Palau Nacional, Montjuïc, Barcelona.
Horarios: de martes a sábados, de 10 a 19 h., domingos, de 10 a 14,30 h.

Até o 18 de maio de 2008.


3,5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Mestre de Cabestany. Tímpano de Santa María de Cabestany (s. XII). Detalle.
Mestre de Cabestany. Tímpano de Santa María de Cabestany (s. XII). Detalle.
Majestat Batlló, Cataluña (s. XII). Detalle. MNAC.
Majestat Batlló, Cataluña (s. XII). Detalle. MNAC.
Baldaquino de Ribes. Vall de Ribes (s. XII). Detalle. Museu Episcopal de Vic.
Baldaquino de Ribes. Vall de Ribes (s. XII). Detalle. Museu Episcopal de Vic.
Capitel, claustro da catedral de Saint-Etienne, Musée desde Augustins Toulouse, (c.1120).
Capitel, claustro da catedral de Saint-Etienne, Musée desde Augustins Toulouse, (c.1120).