O Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galiza pide que se exclúan os licores tradicionais da nova lei de drogas, que limita a venda e a publicidade dos produtos alcólicos.
Como xa o fixeran os responsábeis das cinco denominacións de orixe dos viños galegos, o Consello Regulador de Augardentes e Licores de Galiza súmase ás alegacións do anteproxecto de lei integral en materia de drogodependencias proposto pola Consellaría de Sanidade, segundo o cal limitaríase a publicidade e a venda dos produtos alcólicos, especialmente os destilados. Esta medida afectaría ao Licor de Herbas, Licor Café e Augardente de Herbas de Galiza.
O organismo considera que "os destilados non poden ser comparados coas drogas" e solicitan un trato diferenciado para os licores e augardentes galegos ao seren estes "produtos de calidade enraizados na cultura galega". Dende Augardentes e Licores de Galiza "comparten a preocupación da sociedade e dos poderes públicos polo consumo desordenado e abusivo das bebidas alcólicas", mais "a solución non pasa por incluír neste regulamento aos destilados tradicionais do noso país".
Outra das preocupacións dos produtores é a asociación que se fai destes "produtos de calidade, recolleitos e elaborados no ámbito xeográfico de Galiza" con substancias aditivas e ilegais, xa que a iniciativa lexislativa identifica aos augardentes e licores como un produto que xera trastornos aditivos "nun texto que pretende lexislar sobre substancias estupefacientes".
Posíbeis solucións
O estabelecemento de convenios de autorregulación da publicidade é unha das necesidades que propón o C.R. de Augardentes e Licores de Galiza, así como a creación dun organismo no que participen as empresas do sector para "fomentar o descenso do consumo abusivo nos mozos e a educación na cultura e o consumo responsábel nos adultos".