Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Cun vídeo con destacados deportistas do país

AI Galiza protesta contra a sistemática violación dos dereitos humanos en Beixín

Fan público un seu informe sobre a represión chinesa no Tíbet, e, comezando a conta atrás para as Olimpiadas, soben á rede un documento audiovisual no que falan Óscar Pereiro ou Álvaro Pino.

Redacción - 14:20 02/04/2008

A organización Amnistía Internacional acaba de publicar o seu informe República Popular de China. A conta atrás para os Xogos Olímpicos: a represión de activistas ameaza o legado olímpico, no que tamén lle piden ás autoridades chinesas que poñan "fin de inmediato ás medidas represivas que están aplicando contra os defensores e defensoras dos Dereitos Humanos en Beixín e noutras partes da China, así como contra as persoas que protestan no Tíbet e nas rexións da contorna".

Segundo conta Alberto Estévez, voceiro de AI en Galiza, ao contrario do que se di dende a China "a represión contra os activistas aumentou, non diminuíu por mor dos Xogos". Estévez tamén salienta que o que está realmente a acontecer en Beixín é que as autoridades chinesas están a silenciar e meter no cárcere a activistas dos Dereitos Humanos pacíficos, facendo unha caste de "limpeza" previa ás Olimpiadas: "estas actuacións fan dubidar que as autoridades chinesas se tomen realmente en serio o seu compromiso de mellorar os Dereitos Humanos antes dos Xogos".

"Cos dereitos humanos non se xoga... e ti, a que xogas?"

Para comezar coa súa campaña, a organización galega de AI acaba de elaborar un vídeo no que colaboran coñecidos deportistas galegos de todos os tempos, coma o ciclista Óscar Pereiro; o director deportivo do KGZ, Álvaro Pino; e o xogador do Celta, Roberto Lago. Na gravación os deportistas pregúntanlle ao espectador: "Sabes a que se xoga na China?". Velaquí unha pequena mostra:



Este do Youtube é só o avance o vídeo que se poderá ver enteiro (en galego e castelán) na web da AI Vigo. Nos vindeiros días outros destacados deportistas do país han participar nesta campaña.

No documento enteiro destácase que, segundo conta a Carta Olímpica, "o obxectivo do Olimpismo é poñer o deporte ao servizo do desenvolvemento harmónico do home, coa fin de favorecer o estabelecemento dunha sociedade pacífica e comprometida co mantemento da dignidade humana". Os deportistas participantes no vídeo han levar camisolas alusivas ao escrito nesta Carta, ao tempo que lembran, con datos, que non se está a axudar no desenvolvementos dos dereitos das persoas con estas Olimpiadas, ao contrario do que aseguraron as autoridades chinesas ao se saberen sede deste evento, en 2001.


Documentos

Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: