Na primeira parte da tempada, que se ha pechar co Campionato Estatal a finais de xuño, o Karpin Galicia destacou a todos os niveis. A chave, para o seu director deportivo é "a implicación colectiva".
Álvaro Pino
O equipo ciclista profesional galego chega ao ecuador da tempada cun moi bo balance: cinco vitorias, tres delas na clasificación xeral de varias voltas por etapas, e a última nunha carreira Pro Tour da tradición e do prestixio da Volta a Cataluña.
Na presentación do equipo, a finais de xaneiro, o seu director deportivo, Álvaro Pino, concedíalle só un aprobado alto ao KGZ en relación ao traballo feito na pasada tempada, mentres case todo o mundo lle daba un notábel. Agora Pino mudou de parecer e non dubida en falar de "notábel alto, rozando o sobresaínte" cando avalía esta primeira parte do ano do equipo ciclista profesional galego.
Ofrecémosvos a entrevista completa que nos envían dende o Karpin Galicia
Está planificada a tempada en dúas partes?
A nivel deportivo, pódese de dicir que o campionato de España (finais de xuño) marca o final da primeira parte, aínda que nós seguramente imos chegar a el un pouco xustos, porque tivemos un calendario máis extenso que o ano pasado, cun ciclista menos. Noutros aspectos, nós organizamos a tempada en tres bloques.
Onde está o segredo do alto rendemento do equipo nesta primeira parte da campaña?
Son moitos os factores que inflúen. Hai unha compoñente de implicación colectiva e tamén está o feito de que os ciclistas se coñecen mellor entre eles; pero eu concédolle unha gran importancia ao traballo que se fixo no inverno, que o ano anterior non se puido realizar porque o equipo estaba en construción. Efectuáronse adestramentos colectivos tres días á semana, e iso era importante, mesmo para reforzar a convivencia.
Será esta a liña a seguir no futuro?
Eu tiven bos profesionais aos que cando lles pedín que estivesen ben a principios de tempada non me fallaron, pero este inverno atopeime con ciclistas que pola súa forma de traballar demostráronme que non estaban habituados a realizar unha preparación invernal en condicións. Por iso, ao método de traballo en equipo concédolle unha gran importancia.
Que corredores lle sorprenderon máis no que vai de campaña?
Máis que sorprenderme este ano, quizás me sorprendera o rendemento dalgúns deles o ano pasado, porque nalgúns casos estiveron por debaixo do seu papel. Cando fichei a Herrero sabía que era un ciclista de primeira liña e, porén, o ano pasado por unha caída en Murcia, porque non estaba mentalmente ben centrado ou por algún outro motivo, non estivo á súa altura. Eu esperaba máis un ciclista na liña do que vimos este ano na Volta ao País Vasco, que o da pasada tempada, porque ten capacidade para iso.
E os demais?
Un caso idéntico é o de Veloso, que o ano pasado tampouco estivo ao nivel que se podía esperar del, un pouco afectado polas alerxias. Agora está máis á altura que tiña nas categorías inferiores. En Cataluña sorprendeume moi gratamente a mellora de Gustavo Domínguez na montaña; e a Vorganov tamén se lle vén vendo unha boa progresión ao longo de todo en ano. En xeral, en Cataluña andaron todos ben, coa excepción de Alberto Fernández, o cal tamén é comprensíbel, porque é novo na categoría.
Pode dicirse que ten perfilado o equipo para a 'Vuelta a España'?
Se se celebrase agora, seguramente; pero córrese en setembro e para daquela non ha contar o que se teña feito até aquí, senón o nivel que se demostre no mes de agosto. Con ciclistas como Ezequiel, Herrero e Veloso tes que contar en condicións normais. Os demais haberá que velos no seu momento.
Precisamente este días algún medio de comunicación daba a noticia de que o equipo estaba sopesando a posibilidade de reforzarse para a 'Vuelta a España', e en concreto saía o nome de Roberto Heras. Pensa na posibilidade de fortalecer o equipo?
Un equipo sempre debe pensar en reforzarse e se é cun ciclista como Contador, mellor. Heras é outro grandísimo corredor ao que eu tamén coñezo ben, pero neste momento non hai absolutamente nada. A idea é acabar a tempada co cadro de corredores que temos, e se fose posíbel, como xa dixen, probaríamos algún amador no treito final.
Despois da Volta a Cataluña chegan por fin uns días de descanso...
Si, pero só relativo. Precisamente nos próximos días imos ter unha xuntanza cos ciclistas de primeiro e segundo ano na categoría (Rabuñal, Mourón, Serafín Martínez, Abal, Paleo, Delio Fernández, Cobelo e Alberto Fernández). Serán unhas sesións máis teóricas que prácticas para tratar de arranxar unha serie de cuestións tácticas e incidir tamén nalgúns aspectos da mentalidade que debe ter un ciclista profesional.
Desde o Karpin Galicia hai un compromiso de seguimento á canteira galega, que hai previsto neste sentido?
No mes de xullo convocaremos a estes ciclistas a varios adestramentos colectivos, como xa fixemos o ano pasado, e tamén é posíbel que no mes de agosto, aproveitando que a normativa o permite, convidemos a algúns deles a disputar algunha carreira das que o equipo ten previsto realizar.
Preocúpalle que despois do conseguido nesta primeira parte da tempada o equipo puidese virse un pouco a baixo?
Non, en absoluto. Estamos traballando co obxectivo de chegar forte tamén ao tramo final da tempada. Por ese motivo agora imos erguer un pouco o pé, buscando o descanso físico, pero sobre todo o psicolóxico, para tentar chegar cunha boa actitude mental sobre todo á 'Vuelta a España', que segue sendo o noso gran obxectivo.