Un chanzo máis na asunción de poderes que até o de agora ostentaba a ONU na zona.
Catro meses despois de independizarse e deixar de formar parte de Serbia, Kosova asina un paso máis na súa consolidación, estreando unha Constitución coa que aumenta o seu grao de autogoberno supervisado aínda polas Nacións Unidas. O goberno kosovar celebra o día cunha cerimonia na capital, Pristina.
A constitución kosovar define a nova República como "un Estado independente, soberano, democrático, único e indivisíbel". Tamén hai unha referencia á realidade da "sociedade multi-étnica" que integra o país. Por outro lado, o texto abre o camiño para que a Unión Europea tome o protagonismo na supervisión e axuda ao desenvolvemento do novo estado, asumindo funcións que neste sentido vén realizando a ONU, a través da UNMIK, o organismo que administra a zona desde hai case unha década.
Diante das tensións abertas pola oposición de Rusia a esta viraxe, o secretario xeral da ONU expuxo a posibilidade dun proceso progresivo, que manteña o protagonismo da ONU no propio EULEX, o organismo da UE que xestionará a evolución de Kosova. De xeito paralelo, a OTAN fornecera a creación e adestramento da nova forza policial kosovar, que en tres anos terá a responsabilidade das tarefas de seguridade interior do país.
Na BBC: Kosova móvese cara a fin do mandato da ONU