Os dous colectivos desenvolven unha acción cívico-lúdica aberta a todo o mundo onde, entre outras cousas, han coser balóns, como fan as crianzas en Beixín.
A ONG Amarante e Verdegaia organizan para este sábado unhas Olimpíadas alternativas, limpas, a menos de dous meses de que comecen as oficiais en Beixín. Enmarcadas na Campaña Xoga Limpo, chegan días despois de que varios activistas percorresen as cidades galegas portando o facho olímpico para tirar luz sobre o mundo escuro da explotación laboral que está instalada tamén na China.
As Olimpíadas Limpas han comezar o sábado ás 11:00 horas en varias cidades galegas (na Praza do Toural, en Compostela; na Praza da Constitución, en Vigo; na Praza da Ferrería, en Pontevedra; e no Xardín do Posío, en Ourense), e nelas hanse desenvolver diversos xogos que constitúan unha Olimpíada Limpa, e sobre todo, diferente da que que está a piques de comezar en Beixín.
Haberá birlos, tomboleiros, obradoiros de confección de balóns, carreiras solidarias, xogos malabares, teatro improvisado, postos de información e mesas para a degustación de produtos pertencentes ao Comercio Xusto, entre outras cousas. Estas Olimpíadas están cargadas de simbolismo e denuncia, e a través delas quérese evidenciar a carencia de dereitos sindicais en moitos países (tamén na China), onde se están a instalar filiais de fábricas pertencentes ás multinacionais do deporte, que se amparan nunhas leis laborais que non protexen os traballadores.