Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comeza a festa

Abrimos a nosa 'village' en Brest

A 'Village' galega inaugurouse esta sexta feira. Por alí pasaron curiosos e visitantes, ademais do alcalde da cidade bretoa.

Redacción - 16:30 11/07/2008
O alcalde de Brest con Marta Souto

O alcalde de Brest con Marta Souto

Esta sexta feira, de mañá, inaugurouse na capital da festa do mar a 'Village Galega', o espazo que o noso país ten en Brest, con varias exposicións e outros postos, e onde se han desenvolver os obradoiros, os concertos, as paparotas e todas as actividades que ten preparadas a expedición galega.

Na apertura da village estaba a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, quen foi a encargada de lle ensinar todo ao alcalde da cidade, François Cuillandre (PS). Neste espazo hanse desenvolver, até o 17 de xullo, as actividades permanentes de Galiza: carpintería de ribeira, obradoiros, servicio de restauración de produtos galegos de calidade, exhibicións sobre a patrimonio marítimo e cultural galego, puntos de información turística...

A village galega en Brest: 1.500 m2 no corazón do evento
Galiza conta, no seu espazo, cunha zona de bar-restaurante, así como unha parte reservada á promoción de produtos con denominación de orixe.

Tres carpas conteñen exposicións sobre o noso mar, o patrimonio marítimo, as embarcacións tradicionais e a cultura galega en xeral. Tamén comezaron a se desenvolver dous obradoiros ao vivo: nun constrúese unha dorna que se botará o día 16 de xullo (día oficial de Galiza en Brest) e un outro de cestería.

Esta sexta feira, día no que comezou oficialmente a festa, as embarcacións galegas estaban todas engalanadas coas bandeiras e os gallardetes da nosa delegación e da Festa de Brest, e todas estaban xa prontas para facer a primeira saída ao mar.

Os países comezan a circular

Brest colle vida aos poucos. Esta quinta xuntáronse as delegacións todas para ultimar os preparativos. Alén dos países convidados (Croacia, Madagascar, Vietnam, Noruega e Galiza), hai representacións de moitos lugares do mundo.

Como os galegos andan todos uniformados, vestidiños igual, a xente pregúntalles de onde son, e ao sabelo, recíbeos con cariño, porque hai unha conexión entre a terra bretoa e a nosa. De feito, o nome do noso país dise igual aquí que alí: Galiza.

Brest é unha festa
A xente xa comeza a circular, con curiosidade, polos peiraos e a participar nas actividades, alén de atoparse cos pasarrúas que percorren a cidade.

Na tardiña, ás 20:30 horas, estarán as mozas de Leilía, ao vivo, no espazo de Galiza en Brest. Leiía é un dos grupos tradicionais galegos que, xunto con Treixadura, acompañan á delegación galega para dar unha mostra da música que se fai no noso país.


4,93/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os barcos apareceron, de mañá, engalanados
Os barcos apareceron, de mañá, engalanados
O alcalde de Brest, François Cuillandre, observa, xunto con Souto, o obradoiro de construción de dornas
O alcalde de Brest, François Cuillandre, observa, xunto con Souto, o obradoiro de construción de dornas
No obradoiro para construír unha dorna
No obradoiro para construír unha dorna
Entrada ao 'stand' galego
Entrada ao 'stand' galego
A Garda Suíza visitou o pavillón galego
A Garda Suíza visitou o pavillón galego
Un visitante xaponés na 'village' galega
Un visitante xaponés na 'village' galega