Ademais, adiantou que vai analizar o seu pedido de adhesión "no seu debido momento". É a primeira entidade internacional que dá o seu apoio ao país.
O Fondo Monetario Internacional (FMI) recoñeceu esta terza feira a independencia de Cosova, e adiantou que vai analizar o seu pedimento de adhesión "no seu debido momento".
Porén, este recoñecemento non é garantía de que a súa afiliación sexa probada, posto que Serbia e Rusia van facer todo o posíbel para tratar de bloqueala. De feito, no seu comunicado o FMI precisou que recibira (xa a semana pasada) o pedimento de Cosova para entrar na súa entidade, mais salienta que, a pesar da declaración de independencia do país, Serbia "continúa como membro do FMI e conserva a súa cota, os activos e as obrigas coa institución".
De todos os xeitos, este é o primeiro apoio que recibe Cosova por parte dunha institución internacional.
Os problemas de Cosova para entrar no FMI
Cosova declarou a súa independencia de Serbia, unilateralmente, o día 17 de febreiro deste ano, e dende entón xa foi recoñecida por 43 países, na súa maioría, occidentais.
Un dos principais problemas que ten que solucionar na súa preparación para facer parte do FMI (ademais da oposición que vai atopar dende Serbia e Rusia) é o elevado índice de desemprego, que segundo datos oficiais é do 57,1 por cento, mais algunhas fontes elévano até o 70-75 por cento.
Ademais, a metade da poboación cosovar ten menos de 24 anos (é a máis nova de Europa), pero a emigración nesta faixa de idade tense disparado, feito que, se por un lado axudou a liberar o país dun exceso de poboación (a súa taxa de natalidade é unha das máis elevadas do continente), tamén o deixa case sen persoas en idade de traballar. O salario medio que teñen os habitantes do país balcánico é de 200 euros (é o único territorio que, non pertencendo á UE, emprega a moeda única), pero o custo da vida anda arredor dos 350 ao mes. Con estes datos e facendo as contas, sae que o 15 por cento da poboación cosovar vive en situación de extrema pobreza.
Na emigración están na actualidade 550 mil cosovares, tres cuartos deles viven en Alemaña, Suíza e Serbia, e traballan, sobre todo, na construción e no sector servizos.