O recente achado dos investigadores da USC sobre a vida dos galegos de hai dezaseis milenios é o máis antigo obxecto de adorno atopado no noroeste peninsular.
O Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da USC, en colaboración cun equipo da Universitat catalá Rovira i Virgili, atoparon os primeiros obxectos de adorno do noroeste peninsular na Cova de Valdavara, situada no Concello lucense de Becerreá.
Os arqueólogos levan dous anos escavando unha pequena cavidade kárstica no concello de Becerreá que proporcionara o ano pasado abundantes restos do Paleolítico Superior, que logo foron datados mediante o Carbono 14 nuns 17.000 anos de antigüidade, convertendo a cova no xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior máis antigo de Galicia segundo este método de cronoloxía absoluta.
Os achados dos investigadores do Departamento de Historia I da USC refírense a varios elementos de colar feitos sobre cunchas de Dentalium e un molusco de orixe mariña, “o que os converte na evidencia máis antiga do adorno persoal no noso país”, segundo explica o responsábel da investigación, o catedrático da USC Ramón Fábregas.
Ata agora só se coñecía na categoría de adornos nesta área peninsular o colgante pétreo de Férvedes II (Lugo) atribuído, pola súa asociación co conxunto lítico, tamén ao período Magdalenense. En total, xa se levan recuperados sete pequenos Dentalium que se suman aos 31 atopados en toda a Cornixa Cantábrica.
Trocos coa cornixa cantábrica
A presenza destes colgantes implica a existencia de redes de comunicación e troco entre o interior das montañas lucenses e a beiramar, e pon de manifesto a relación destas comunidades con outras zonas da Cornixa Cantábrica, onde foron atopados Dentalium como elemento de adorno noutros xacementos do Magdalenense inferior e medio.
Nesta intervención tamén se recuperaron restos de ferramentas líticas, feitas principalmente en sílex, útiles óseos (puntas de azagaias) e restos de fauna que permiten estudar con profundidade o modo de vida dos poboadores paleolíticos así como a reconstrución da fauna e o ambiente nas cavidades da parte oriental de Galiza hai 17.000 anos.