Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DRAGANDABIC.COM

A web da falsa identidade de Karadzic

A suposta páxina do presunto experto en medicinas alternativas inclúe unha biografía inventada e os seus dez proverbios chineses favoritos.

Redacción - 11:00 23/07/2008
Unha das fotos de Dabić, na web "oficial"

Unha das fotos de Dabić, na web "oficial"

O 'alter ego' de Radovan Karadžić, Dragan Dabić, tamén ten web de seu. En dragandabic.com pódese visitar unha breve páxina bilingüe (en serbio e inglés), onde o suposto terapeuta alternativo inclúe unhas cantas fotos das súas sesións e conferencias. Porén, non se pode garantir que pertenza realmente ao propio Karadžić.

Na súa biografía conta que Dragan "David" Dabić naceu hai seis décadas na pequena aldea servia de KovaÄ?i, preto de Kraljevo, e que dende moi novo se sentiu moi interesado por explorar as montañas e descubrir o poder natural das herbas medicinais que alí medran. Despois doutorouse en Medicina, coa especialidade de Psiquiatría, en Moscova, e logo viaxou pola India, Xapón e China, onde se especializou en medicinas alternativas, con especial énfase no control do corpo e da mente, meditación, ioga, limpeza espiritual e herbas chinesas.

Nesta biografía apócrifa tamén se conta que Dabić volveu á "nai Serbia" a mediados dos 90, onde se converteu nun dos expertos máis prominentes en medicina alternativa, bioenerxía e dieta macrobiótica de todos os Balcáns, como colaborador en revistas e convidado en programas de televisión, seminarios e simposios. Engádese que o doutor vive na rúa Yuri Gagarin, en Novo Belgrado, e que está aberto á participación en foros públicos, televisión e a consultas privadas.

A web complétase cos seus "dez antigos proverbios chineses favoritos seleccionados persoalmente polo doutor Dabić", e que quizais nos descubran aspectos da personalidade dun home acusado de xenocidio e de crimes de guerra:

  • Detrás de todo gran home hai sempre outros homes capaces.
  • O profesor abre a porta, mais ti debes entrar por ti mesmo.
  • Un home sabio toma as súas propias decisións, un home ignorante segue a opinión pública.
  • O que non pode concordar cos seus inimigos é controlado por eles.
  • Se a túa forza é pequena, non leves cargas pesadas. Se as túas palabras non teñen valor, non deas consellos.
  • Un diamante cun fallo é mellor que unha pedra perfecta.
  • A aprendizaxe é un tesouro acompañará o seu dono a todas partes.
  • Se fas plans para un ano, sementa arroz; se fas plans para unha década, planta árbores; se fas plans para unha vida, educa as persoas.
  • Non podes impedir as aves da tristura voen sobre a túa cabeza, pero podes impedir que faga niños no teu cabelo.
  • O que renuncia a si mesmo, debe cavar dúas tumbas.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: