Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Álvaro Pino aos corredores do KGZ

"Quero xente comprometida: os que non estean mentalizados, mellor que queden na casa"

"Se cadra algún leva unha sorpresa e queda sen correr a 'Vuelta'". As verbas do director deportivo do equipo galego denotan a importancia que lle concede á rolda española.

Redacción - 11:15 29/07/2008

O Karpin Galicia pechou esta segunda feira o seu programa de adestramentos colectivos co último dos cinco que desenvolveron en xullo. Agora chegan unha chea de competicións ás que se dedicará parte do equipo, mais sempre coa ollada posta na 'Vuelta a España', porque é a rolda española un dos principais obxectivos do KGZ nesta tempada.

Ou así o expresou, mais unha vez, o seu director deportivo, Álvaro Pino, quen xuntou os corredores após o adestramento para lles pedir que "non se relaxen" porque "non pode ser que nas últimas dúas probas que disputamos os mellores do equipo foran ciclistas que acaban de saír de longas lesións". Pino dixo non lle conceder moita importancia a este feito, mais tamén revelou que, "por se acaso", é mellor que vaian todos "tomando nota, porque se cadra algún leva unha sorpresa e queda sen correr a 'Vuelta a España".

A importancia da 'Vuelta a España'

As "ameazas" de Pino demostran a importancia que ten para o equipo ciclista profesional galego a rolda española, que arrancará en Granada o vindeiro 30 de agosto.

O que quere o director deportivo do KGZ é ir atando cabos, e que as pezas comecen a encaixar no que entende que debe de ser a definición do equipo para a súa cita máis importante da tempada. El díxoo así: "quero xente comprometida. Os que non estean mentalizados, mellor que queden na casa".

No último adestramento colectivo
O último dos cinco adestramentos colectivos do KGZ no mes de xullo desenvolveuse esta segunda feira sobre un percorrido de 175 quilómetros bastante accidentados. Baixo a ollada dos seus tres directores deportivos, Álvaro Pino, Xesús Blanco Villar e Xosé Anxel Vidal, e o preparador físico, Guillerme R. Carballido, os corredores do equipo galego foron rodando.

Após a sesión, os directores clarificaron a relación de corredores queo KGZ ha presentar a vindeira quinta feira ao Circuíto de Getxo, coa única dúbida de Delio Fernández, que está doente, e cuxa praza ocuparía ou David Abal ou Alberto Fernández. O resto de corredores son: Gustavo Veloso, Ramón Troncoso, Gonzalo Rabuñal, Juan Mourón, Alejandro Paleo, Jesús Cobelo, Eduard Vorganov, Vladimir Isaychev e David Herrero.

o adestramento acudiron cinco corredores amadores galegos dos equipos Cambre-Frisonoble, Super Froiz e Chint-Autronic; outros catro corredores galegos que militan en equipos de fóra de Galicia e dous rusos do Spol-Caixanova, que solicitaran permiso para sumarse á sesión.

Antes de comezar o adestramento, chegou un médico enviado pola Unión Ciclista Internacional para seguir cumprimentando o "pasaporte biolóxico" que actualmente se lles estende aos ciclistas, e fíxolles o control antidopaxe a dez dos corredores do KGZ.

As críticas por escoller a Marcos García

A decisión de "probar" ao amador madrileño Marcos García, do equipo Super Froiz, na Volta a Burgos suscitou en certos ámbitos algúns reproches, segundo contan dende po KGZ. Mais Álvaro Pino atallounos comentando que el é "o maior defensor dun equipo o máis galego posíbel e, aínda en condicións de certa inferioridade, estou disposto a darlle a oportunidade a un corredor da casa antes que a un de fóra", mais salientou que se "aos ciclistas do Karpin Galicia lles estou demandando compromiso, aos amadores galegos tamén lles teño que pedir que se apliquen e que continúen esforzándose".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os corredores, durante o último adestramento colectivo do verán
Os corredores, durante o último adestramento colectivo do verán
Isaychev asina a notificación UCI do pasaporte biolóxico, baixo a ollada de Pino
Isaychev asina a notificación UCI do pasaporte biolóxico, baixo a ollada de Pino