O goberno do país africano demanda que sexan xulgados trece responsábeis políticos e vinte militares franceses.
O goberno de Ruanda acusou formalmente a Francia de participar activamente no xenocidio que, segundo a ONU, causou máis de 800 mil mortos no ano 1994. Nun informe publicado esta terza feira, a comisión creada para investigar o xenocidio acusa a diversos dirixentes franceses de estar implicados na matanza, entre eles o ex presidente François Miterrand (falecido en 1996), e o ex primeiro ministro, Dominicque de Villepin. En total, o informe acusa directamente a 33 persoas, entre políticos e militares.
Durante dous anos, a comisión ruandesa investigou o posíbel envolvemento destes 13 políticos e 20 militares galos nas masacres da última década, entrevistando a superviventes, xornalistas e investigadores. O texto final foi presentado no mes de novembro pasado ao executivo ruandés, que agardou até agora para facer público o seu contido.
Colaboración "política, militar e diplomática"
Este texto, no que se basea o ministerio ruandés de Xustiza para dirixirse a Francia, asegura que "o apoio francés" ao xenocidio "foi político, militar, diplomático e tiña base loxística", e conclúe que "considerando a gravidade dos feitos, o goberno demanda ás autoridades competentes que realicen todas as accións precisas para facerse cargo dos responsábeis, levalos ante a xustiza e que respondan dos seus actos".
Xa hai tempo que o goberno ruandés, con sede en Kigali, viña acusando os dirixentes franceses de ter encuberto a súa colaboración no adestramento de milicianos hutus, que asasinarían máis de 800 mil persoas, a maioría pertencentes á etnia dos tutsis.
Pola súa banda, Francia dixo que non vai reaccionar ás acusacións da comisión de investigación ruandesa antes de ter estudado o documento, dunhas 500 páxinas.