"Unha persoa que colabora nisto nunca tirará unha cabicha ao chan, nin apagada", confía o responsábel do proxecto.
Limpeza, reforestación, recollida de datos sobre vertedoiros incontrolados, vixilancia preventiva... Son algunhas das actividades realizadas pola xente implicada no Voluntariado en Defensa do Monte Galego. Naceu en 2006 para facer fronte á vaga de lumes sufrida daquela no país e desde entón, e con datos até o mes de xullo, son 7.109 persoas as que solicitaron formar parte do proxecto, das que algo máis de 1.000 participan activamente.
Nos primeiros meses de funcionamento máis de 4.600 persoas colaboraron na extinción do lume, cifra que diminuíu "considerablemente" en 2007, cando 3.970 voluntarios participaron no programa. Isto débese, a xuízo de Xosé Ares, responsábel do proxecto, a que durante o verán pasado "non houbo ningún incendio excesivamente importante", e a xente "esperta o sentido solidario especialmente cando os medios de comunicación bombardean continuamente cun tema".
Nos períodos de tránsito a organización é a que crea "artificialmente" a demanda para "manter niveis de participación máis ou menos altos". A entidade establece un número máximo de 25 persoas traballando en cada zona, xa que se o grupo fose superior sería "moi dificultoso xestionalo" e podería chegar a molestar. Ares destaca que o índice de repetición é "altísimo", e recorda que durante o verán de 2007 o 50,2% dos voluntarios repetiron a experiencia. "Todos os que participan unha fin de semana sacan algo en limpo", unha persoa que colabora nisto "nunca tirará unha cabicha ao chan, nin apagada", engadiu. Neste sentido explicou que "todo o que se invista en prevención é investir en educación".
Despois dos resultados "moi positivos" que se rexistraron durante o primeiro verán de funcionamento deste grupo de voluntarios, a Dirección Xeral de Xuventude decidiu "darlle continuidade". Así, en 2007 a agrupación organizouse de forma "moi profesional" coa creación da figura dos coordinadores, membros de asociacións ecoloxistas, enxeñeiros forestais e biólogos, entre outros, que se encargan de xestionar as actuacións nunha zona determinada e que reciben o apoio dos voluntarios durante as fins de semana dende abril até outubro.