O equipo galego partirá de noveno na contrarreloxo por equipos que inaugura a competición, con saída e chega en Granada.
O sábado arredor das 18:45 horas arranca a 63 Volta Ciclista a España. O recentemente presentado Xacobeo Galicia parte coa esperanza de sacar uns bos resultados na competición. O director deportivo do equipo, Álvaro Pino, explicou que a primeira etapa, unha contrarreloxo por equipos, "non vai marcar diferenzas substanciais entre os primeiros da xeral".
Pino tamén dixo que a etapa, con saída e remate en Granada, "ofrece menos pistas que unha individual sobre o estado dos corredores do teu propio equipo e dos rivais. O percorrido non o examinei aínda, pero din que ten partes moi técnicas nas que hai que manexar a bicicleta con destreza. Outra cuestión importante será evitar caídas".
Abrirá a contrarreloxo por equipos do sábado o Andalucía - Cajasur, ás 18:45 horas e pecharaa o CSC, pouco antes das oito. Os outros dezasete grupos sairán en espazos de catro minutos. O Xacobeo Galicia tomará a saída ás 19:17, en noveno lugar.