Está formado por mozas de tres clubes galegos e é o favorito para gañar, este sábado, nunha proba que procura o prestixio da masculina.
Son remeiras do Atlántico e pertencen aos tres clubes que encheron o podio do Campionato Estatal Feminino, o pasado mes de xuño: o Samertolameu de Meira, o Chapela, de Redondela, e o Cabo de Cruz, de Boiro.
As mozas conformarán o equipo Galicia, que este ano participará na primeira Bandeira da Concha Feminina, en Donostia, unha proba que xa é clásica e de gran prestixio para as traíñas masculinas, e que bota a andar, o vindeiro sábado, encamiñada a conseguir o mesmo prestixio e forza para a categoría feminina.
O equipo Galicia
O equipo Galicia participará na primeira Bandeira da Concha na que compiten as mulleres. Esta quinta feira a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán e a delegada provincial de Cultura e Deporte da Coruña, Milagros Lantes, despedían as remeiras seleccionadas para facer parte deste combinado dos tres clubes galegos, desexándolles a mellor sorte.
No acto, as representantes do Goberno déronlle os parabéns aos clubes, por unir esforzos na creación do equipo Galicia "nun importante reto", en palabras de Lantes, quen tamén insistiu na necesidade de crear unha sociedade "na que teña igual recoñecemento o mérito de homes e mulleres". Polo seu lado, Carme Adán manifestou a súa felicidade porque as remeiras van "participar nun fito histórico ao ser as primeiras mulleres galegas en participar nun evento desta importancia".
En representación dos clubes falou Benigno Silva, de Cabo de Cruz, quen destacou que as rapazas galegas viaxan a Donosti con moitas opcións de facer un bo papel, "aínda que a Concha sempre pode deparar sorpresas, porque non é unha regata sinxela".
As remeiras e a proba
O equipo Galicia"está formado por Romina, Marta, Noelia, Verónica, Andrea (Samertolameu), Antía D., Mariñar, Meri, Noe, Mariña, Antía E., Miriam (Chapela), Esmeralda, Fátima, Lucía, Laura Hermo, María José Quintáns e Sandra Sánchez (Cabo de Cruz).
A proba desenvólvese o vindeiro sábado, ás 18:00 horas na cidade vasca. Os catro mellores tempos da clasificación pasarán á final de honra do domingo 14 de setembro (11:00 horas). As outras catro quedan eliminadas. Os premios: 6.200 euros e bandeira para o equipo gañador e 4.000 euros para o segundo.