Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VENRES 19 NO CENTRO CULTURAL CAIXANOVA DE VIGO

Vic Chesnutt e Elf Power abren o Sinsal outono

O jazz de The Necks, as atmósferas medievais de Pantaleimon e o ruidismo de Lightning Bolt completan o programa até final de ano.

Redacción - 13:46 16/09/2008

O norteamericano Vic Chesnutt atópase nun dos momentos máis doces da súa carreira, e vén de publicar o seu undécimo traballo, North Star Deserter, caulificado de "extraordinario" pola crítica. Será encargado de abrir a xeira de concertos do Sinsal outono, este venres 19 no Centro Cultural Caixanova de Vigo. Chesnutt estará acompañado no escenario pola banda de Athens Elf Power, que tamén interpretará os seus temas nunha actuación previa. As entradas teñen un prezo de 10 euros e por vez primeira non están numeradas. Tamén se pode adquirir un abono para todo o ciclo por 25 euros, e nun e noutro prezo os estudantes contan cun 50% de desconto.

Sinsal continuará o 25 de outubro coa actuación, de novo no Caixanova, coa actuación dos australianos The Necks. Con catorce discos ás costas, a banda de Chris Abrahams (piano), Tony Bruck (batería) e Lloyd Swanton (baixo) seguen a ser inclasificábeis, movéndose entre o postjazz e o postrock, lindando a súa música, sempre na vangarda, co dub, o krautrock, o minimalismo, o pop ou o ambient.

E o ciclo pecharase o 24 de novembro na pequena sala de concertos do Marco, un dos espazos emblemáticos do festival. Coincidirán dúas propostas a priori antagónicas: as atmosferas medievais que Pantaleimon, seudónimo da británica Andria Degens, constrúe cos seus instrumentos de corda, e o ruidismo de Lightning Bolt.

The Wedding Present, en Compostela
O 15 de novembro a Sala Capitol de Compostela acollerá un dos concertos máis destacados deste outono en Galiza. A banda de Leeds The Wedding Present, liderada por David Gedge, ten oito álbums de estudio no mercado, e estarán presentando o seu máis recente traballo: El Rey. Despois de varios anos de ausencia o grupo regresou aos escenarios en 2004, co seu son moi influído por The Fall, Buzzcocks ou Gang of Four, e que hoxe constitúe en si mesmo unha referencia.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: