O gran papel que está a realizar o líder do Xacobeo non pasou desapercibido para un poderoso equipo ruso en fase de construción.
Pino e Mosquera falan antes dunha etapa
A excelente volta do ciclista de Teo chamou a atención de equipos importantes do panorama internacional. Así, Mosquera recoñeceu que ten dúas ofertas importantes, unha delas feita polo equipo "Katyusha". O equipo, que este ano aínda mantén o nome de Tinkoff, está a emular o que noutras disciplinas fixeron escadras do seu país como CSKA e Khimki, en baloncesto; ou o propio CSKA e o Zénit en fútbol, onde dinamitaron os mercados destes deportes. Mudan a súa propiedade e os novos donos dedícanse a realizar grandes inversións para mellorar entidades que non sempre rematan obtendo o éxito.
A prioridade é seguir
O líder do Xacobeo Galicia afirmou que continuar no equipo de Álvaro Pino é agora o seu obxectivo principal, pero deixou claro que para isto é necesario un esforzo do equipo, xa que "a vida deportiva é corta, e estanme facendo ofertas tan altas como nunca pensei que puidesen chegar". Álvaro Pino afirma que Ezequiel é fundamental no futuro dun equipo que non tería sentido sen el.
O director do equipo ciclista profesional galego defende como necesaria unha revisión do seu contrato para colocalo acorde co gran papel que está a ter nesta edición da 'Vuelta'.