A proposición non de lei, impulsada polo BNG, contou co apoio do PSdeG, e mais do PPdeG nun punto sobre axuda humanitaria.
Xosé Ramón Paz, do BNG
O Parlamento rexeitou esta cuarta feira a "continuación de calquera tipo de sanción" que prexudique a poboación de Cuba e "en particular, o bloqueo de Estados Unidos". Ademais, insta a Xunta a "continuar os seus esforzos de cooperación" co país.
Socialistas e nacionalistas aprobaron a proposición non de lei impulsada polo BNG no seu conxunto; porén, o PPdeG solicitou votar por separado o apartado referido á axuda humanitaria para facer constar a súa posición favorábel só neste asunto.
Ademais, a Cámara, cos votos de BNG e PSdeG, reclámalle á Xunta que lle solicite ao Estado a continuidade da "promoción activa no seo da UE" para "normalizar as relacións políticas e económicas sobre a base do respecto ao Dereito Internacional co levantamento das sancións impostas a Cuba en 2003".
Visión distintas dos tres grupos
Durante o debate parlamentario, o deputado do PPdeG Enrique López Veiga incidiu en que "Cuba si" mais que non se lle pode dar un "cheque en branco", ao tempo que defendeu seguir "na liña da UE".
Xosé Ramón Paz Antón, do BNG, lembrou que "non hai razón para sinalar Cuba como un país que viole os dereitos humanos", e lembrou que a república recibiu recoñecemento internacional polo seu éxito na loita contra o racismo, a sida ou a homofobia. Ademais, sinalou que o debate non é sobre "Cuba si ou Cuba non".
Pola súa banda, a deputada socialista Beatriz Sestayo defendeu a vía da "diplomacia" e o "diálogo político" para conseguir "achegamentos".