Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NO CENTRO CULTURAL CAIXANOVA

Sinsal continúa co jazz de vangarda de The Necks

O Festival pecharase en novembro con Pantaleimon e Lightning Bolt.

Redacción - 11:35 25/10/2008

Con 14 discos ás súas costas, o trío australiano The Necks espremerá este sábado 25 de outubro ás 21:00 horas no auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo o seu amplísimo catálogo de rexistros, nas antípodas de calquera academicismo. Os tres integrantes da banda, pouco coñecidos en Galiza malia ao seu prestixio internacional, contan no seu currículo con máis de 200 colaboracións en proxectos alleos. Post-jazz ou post-rock, depende de quen o enuncie, do trío australiano dise a miúdo que son o que acontece na música experimental cando o experimento funciona. Do pop á música de vangarda, o seu prestixio é inversamente proporcional aos seus nulos esforzos promocionais. As entradas, a 10 euros.

SINSAL
cumpre este ano o seu sexto aniversario afirmándose outra vez coma a programación de referencia para a música popular contemporánea en Galiza. O festival pecharase o 24 de novembro con dous concertos moi distintos que compartirán o escenario da sala de concertos do Marco. Dunha banda, as atmosferas medievais que Pantaleimon, seudónimo da británica Andria Degens, constrúe cos seus instrumentos de corda, dende o dulcimer á mandola octavada. Do outro, a experiencia límite de Lightning Bolt, ou o que é o mesmo, o tratadismo ruidista dos norteamericanos Brian Gibson e Brian Chippendale, a medio camiño entre o hardcore e as melodías psicodélicas de Captain Beefheart.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: