Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OBITUARIO

Finou Constantino García, fundador do ILG e do Centro Ramón Piñeiro

Nado en Oviedo, catedrático da USC e membro da RAG, foi unha figura clave no ámbito filolóxico.

Redacción - 14:00 24/10/2008
Constantino García

Constantino García

Aos 81 anos finou en Compostela, no serán destes xoves, o filólogo Constantino García González. Nado en Oviedo, logo de formarse nesta cidade, en Madrid e en Bonn, chegou á USC en 1966 para facerse cargo da cátedra de Lingüística Románica.

En 1971 foi o impulsor do Instituto da Lingua Galega (ILG) e en 1993 tamén participou de primeira man na creación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP). García dirixiu en diferentes etapas estes dous centros. Tamén traballou en iniciativas como a revista 'Verba' ou a dos 'Cadernos da Lingua'. No ano 2000, unha doenza dexenerativa comezou a afastalo das actividades filolóxicas. O seu pasamento deixa unha praza vacante na Real Academia Galega, institución á que pertencía.

Importancia na filoloxía galega
A figura de Constantino García non estivo en vida á marxe da polémica. Con moitos partidarios pero tamén detratores, o cerne da controversia tivo moito que ver co seu decisivo apoio á normativa oficial.

O académico e filólogo Antón Santamarina sinala que García supuxo o punto de arranque dos estudos filolóxicos sobre a nosa ligua. Considera que  atopou na Galiza de mediados dos sesenta “unha leira a ermo e fomentou que os alumnos del fixesen enquisas, teses, etc.” Dende o Centro Ramón Piñeiro, a catedrática Isabel González tamén salientou a importancia histórica de Constantino García para a filoloxía galega.

As súas cinzas repousan xa no cemiterio de Boisaca e este sábado vaise celebrar na igrexa santiaguesa do Pilar un funeral na súa memoria.


3,25/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: