Deste xeito, o novo Plano Sectorial Eólico semella ter coma único obxectivo acadar os 6.500 Mw para o ano 2012, sen tomar en consideración as repercusións ambientais, socioeconómicas e territoriais que pode producir a nova vaga de instalacións, sen ter avaliado previamente a capacidade do territorio para asumir a carga dos novos parques e infraestruturas asociadas (líñas de alta tensión, pistas de acceso, subestacións transformadoras...) Parte destas eivas poderíanse ter evitado se antes de abrir o concurso e adxudicar a potencia ás empresas, se abrise un amplo debate sobre o novo modelo de xestión da enerxía en Galiza, que debería cristalizar nos novos Planos Sectorial Enerxético, Eólico, da Biomasa, entre outros. Unha planificación previa para garantir a explotación sustentábel de recursos naturais, incorporando entre outros os principios de suficiencia, eficiencia e sustentabilidade, fuxindo do produtivismo que caracterizou ás políticas anteriores.
No entanto, optouse por abrir a poxa ás industrias denantes de ter aprobado o novo Plano Eólico, sen diálogo previo e sen a necesaria coordenación entre as consellarías de Industria, Medio Ambiente e Política Territorial. E unha vez repartidos os Mw. e as áreas de explotación entre as empresas, estas adquiren uns dereitos que farán moi complicado que Industria, Medio Ambiente e Política Territorial poidan desbotar proxectos con concesións previamente outorgadas. Lembremos que no caso da enerxía eólica non se trata de concesións con prazos de reversión (casos das centrais hidroeléctricas) ou con prazos de renovación e caducidade (minas e autovías). Trátase de autorizacións indefinidas xa que, por máis que poida sorprender, o vento non é de dominio público aínda que tampouco é de ninguén (até que alguén se apropia del como acontecía na Idade Media coas terras baldías). Legalmente sinifica que non hai rescate posíbel, nen caducidade, nen vencemento da concesión. Só cabe a revisión da DIA (Declaración de Impacto Ambiental), a indemnización e para as comunidades de montes, a non renovación do arrendamento.
Por iso, ADEGA considera que as consellarías de Industria, Medio Ambiente e Política Territorial non teñen actuado con responsábelmente, polo que reclamamos:
A Industria: que non haxa ningunha adxudicación sen antes ter aprobado e tramitado axeitadamente o novo Plano Eólico.
A Medio Ambiente: que se exclúan do Plano Eólico, pola vía dos Planos de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) ou en último caso mediante a avaliación ambiental, todos aqueles espazos que por razóns ambientais, paisaxísticas, de patrimonio, etc. non deben ser susceptíbeis de albergar parques eólicos.
A Política Territorial: que tamén a súa vez exclúan do Plano Eólico os aproveitamentos que podan ir en contra da ordenación racional do territorio, ben ser incompatíbeis con outros usos prioritarios, ben por contradicir o disposto nas Directrices de Ordenamento do Territorio ournoutros planos sectoriais de ordenación territorial. Dende Política Territorial deberan limitarse por exemplo os parques eólicos do litoral.
Achegas de ADEGA ao Documento de Inicio do Plano Sectorial Eólico de Galiza na fase de Avaliación Ambiental Estratéxica
1. É imprescindible que o conxunto do Plano Sectorial Eólico sexa sometido a unha avaliación ambiental estratéxica imparcial e rigorosa que valore o seu impacto no medio natural. Para isto, resulta particularmente importante a valoración dos efeitos e as sinerxias negativas sobre o medio natural que tiveron os Parques Eólicos Empresariais nados a partires do Plano Eólico Galego de 1997 e posteriores revisións. Daquela, a avaliación ambiental realizouse de xeito individual para cada instalación, obviando os impactos conxuntos de varios Parques Eólicos Empresariais contiguos sobre unha mesma unidade xeomorfolóxica e/ou ambiental (caso, por exemplo, das turbeiras de cobertor na Serra do Xistral). É tempo xa de realizar un estudo de impacto ambiental xeral sobre as sinerxias inducidas no territorio afectado por instalacións eólicas, alén de revisar algunhas declaracións de impacto pouco rigorosas ou manifestamente sesgadas realizadas ao abeiro da anterior planificación, nomeadamente no caso de afectar a espazos protexidos.
2. Deben ser excluídos de entrada como espazos susceptíbeis de albergaren parques eólicos alomenos todos aqueles espacios naturais que son obxecto dalgunha figura de protección legal (parques naturais e demáis figuras do réxime de protección xeral da Lei Lei 9/2001 de Conservación da Natureza) e non só as Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais declaradas ao abeiro do Decreto 72/2004, isto é, os LICs e ZEPAS da Rede Natura Galega. É necesario definir e consensuar, coa participación de investigadores das tres universidades galegas, asociacións de defensa ambiental e administración, aquelas zonas de exclusión nas que pola presenza de hábitats ou especies de interese europeo e/ou prioritarias, non sería ambientalmente aceptábel o desenvolvemento de instalacións eólicas industriais. Asemade, os espazos propostos pola administración para a futura ampliación da Rede Natura galega teñen que ser automáticamente excluidos de aproveitamentos eólicos.
3. A aplicación dos anteriores Plano Sectoriais Eólicos de Galiza e as posteriores revisións conlevaron en moitas ocasións o incumprimento sistemático das cautelas ambientais establecidas para os espazos que forman parte da Rede Natura 2000 (LICs e ZEPAs), establecidas no Real Decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres, que traspuxo ao ordenamento xurídico español a parte da Directiva 92/43/CEE "Hábitats" que aínda non fora incorporada. É necesario pois incluir no presente Plano Eólico de Galiza, un plano especial de recuperación dos territorios da Rede Natura afectados e/ou ocupados por instalacións eólicas, con medidas como o resgate, a permuta e a non renovación das actuais concesións. Como segunda opción, e de xeito xeral para todos os parques eólicos existentes deberiase contemplar a posibilidade do repotenciamento obrigatorio para diminuir a densidade de aeroxeradores coa conseguinte renaturalización dos terreos afectados, antes de pensar en parques de nova criazón.
4. O presente Plano Eólico debería garantir a implementación de todas as medidas necesarias para a protección efectiva do patrimonio cultural e do atractivo paisaxístico e turístico de Galiza. Neste senso e polo que respeita aos bens patrimoniais, deberiase incorporar un estudo previo das afeccións e sinerxias das instalacións eólicas sobre os bens inventariados e catalogados non só individualmente, senón tamén sobre as áreas e zonas de interese arqueolóxico con altas densidades de xacementos. No tocante aos aspeitos paisaxísticos, deberiase ter en conta as directrices contidas no borrador da Lei de Protección da Paisaxe de Galiza, en especial as referidas á "política da paisaxe", de xeito as paisaxes incluidas nun eventual Catálogo Galego de Paisaxes non foran susceptíbeis de albergar instalacións eólicas. Asemade, naquelas paisaxes singulares que acollen actualmente a parques eólicos deberiase actuar de xeito similar que cos espazos protexidos, isto é, establecendo planos de desmontaxe e renaturalización.
5. Non se deberían considerar por sistema e en todos os casos que os parques eólicos deban ser declarados de interese supramunicipal, interese público e utilidade social. Neste senso deberiase estar ao que indica o apartado f) do Decreto 80/2000 que regulamenta os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, a saber: "f) Calquera outro criterio que contribúa directamente ós obxectivos fundamentais enunciados no artigo 3 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia", as áreas de producción, investigación e reserva do presente Plano Eólico deberían xustificar o cumprimento dos seguintes apartados do artigo 3 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galiza, a saber:
a) Disposición dunha axeitada estrutura espacial tendente a conseguir un equilibrado desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia procurando o máximo benestar da súa poboación ao tempo que se garante a protección e mellora do medio ambiente.
b) Definición dos criterios a seguir nos asentamentos favorecendo a accesibilidade da poboación ao medio natural, mellorando as súas condicións de vida.
c) Compatibilización do proceso de seguemento do sistema produtivo, da urbanización e da ordenación turística coa racional utilización dos recursos naturais, sobre todo no referente ao litoral, aos recursos hidráulicos e á paisaxe.
Asemade e de xeito xeral deberiase estar ao disposto polo apartado 3 do artigo 5º do Decreto 80/2000 que regulamenta os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, en relación con outros instrumentos de ordenación do territorio e coa lexislación urbanística: "3. No solo rústico de especial protección quedan prohibidas as actuacións que resulten incompatibles cos seus valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexa obxecto da protección outorgada ou coas proteccións derivadas da lexislación sectorial de aplicación."
Por todo o anterior, a Asociación parta a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) solicita que a Xunta de Galiza teña en conta estas suxestións, de cara a introducir modificacións na proposta de novo Plano Sectorial Eólico.