Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
TODO DEPENDE DA SÚA ADAPTACIÓN AO CICLISMO

O Xacobeo quere a Raña para comezos de ano

O director do equipo ciclista cre que a Volta a Mallorca pode ser o estreo do ordense.

P.G.M. - 16:40 04/12/2008

A noticia que estalou con forza na tarde do mércores xa ten, dende este xoves, unha imaxe asociada encargada de ilustrala. Iván Raña fixo as súas primeiras fotografías co maillot do Xacobeo Galicia. O acto celebrouse na dirección xeral para o Deporte e, ademais do ordense, estiveron o director do equipo, Álvaro Pino; o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; e a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.

Raña chega ao ciclismo con moitas ganas
Nos momentos en que conseguiu relaxarse, Iván Raña asolagou a sala de prensa da dirección xeral co arrecendo a ilusión que desprendía o seu inmenso sorriso. Dende un primeiro momento deixou claro que isto é só unha paréntese no seu idlio co triatlón, afirmando que "este é o momento no que podo probar, cando aínda faltan catro anos para os Xogos Olímpicos de Londres". O ordense amosouse ilusionado, aínda que foi realista ao recoñecer que sabe o duro que lle resultará coller o ritmo de competición. Cumpre así un soño que zumbou pola súa cabeza adiante dende que se adica ao deporte de maneira profesional, pois nunca escondeu que a bicicleta é a súa disciplina favorita das tres incluídas no triatlón.

Pino amosouse esperanzado
O director do Xacobeo Galicia amosouse esperanzado co novo corredor, afirmando que "este pode ser un momento importante para Iván e tamén para o equipo". Pino deu importancia á capacidade de sacrificio necesaria nun deporte tan esixente como o triatlón, capacidade que lle debería axudar na súa adaptación á bicicleta. Cando lle preguntaron polo perfil de Raña como corredor, Pino falou de que se a adaptación corre ben agardan dispoñer dun ciclista completo capaz de aguantar a ben a montaña, e nun ton de broma engadiu: "un pouco na liña do ciclista galego de moda, que é Ezequiel Mosquera". Tamén falou do forte vencello entre Raña e o triatlón, que non se racha de todo, deixando aberta unha porta a permitirlle correr algunha proba durante a tempada.

Agora Raña incorporarase aos adestramentos co grupo, que están na primeira fase onde as sesións de estrada alternan con ximnasio e piscina. A comezos do vindeiro ano empezarán os adestramentos máis duros e alí poderemos ver cal é o nivel real de Raña. En principio, a idea do equipo é que o ordense participe na vindeira edición da Volta a Mallorca, que se celebra a comezos do mes de febreiro.


5/5 (4 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: