Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTINÚA A POLÉMICA

Quintana sostén que o concurso eólico se vai resolver sen ter en conta “determinados ámbitos mediáticos”

O vicepresidente da Xunta afirma que "por primeira vez na historia do país unha decisión económica importante tómase nas institucións".

Redacción - 17:00 20/12/2008

O líder do BNG, Anxo Quintana, defendeu a peito aberto o concurso eólico asegurando que “por primeira vez na historia do país unha decisión económica importante para Galiza tómase, con acertos e equivocacións no ámbito das institucións políticas”. Quintana, nunha comparecencia diante do Consello Nacional do Bloque, afirmou que antes “as decisións importantes tomábanse en determinados ámbtos mediáticos ou nos consellos de administración dalgunha empresa”.

As declaracións de Quintana teñen lugar logo dunha intensa semana protagonizada polas concesións eólicas. O vicepresidente sae en defensa da Consellaría de Industria logo de que o PPdeG cualificase de “pouco transparente” e acusase á Xunta de ter tomada a decisión hai xa meses para beneficiar a determinadas empresas. Mais as palabras de Quintana tamén as hai que interpretar dentro do pulso que a organización nacionalista mantén nas últimas semanas con La Voz de Galicia, xornal que se está a mostrar moi crítico con todo o proceso eólico.

A concesión de licenzas eólicas, que se dará a coñecer a vindeira semana, está a converterse nunha verdadeira proba para o BNG. A organización defende un proceso que coida que vai ser un revulsivo para o país polos proxectos empresariais que leva asociados. Ademais, destacan que por vez primeira boa parte das plusvalías da produción enerxética van ficar no propio país.

Porén, tampouco faltan as críticas dende diversos colectivos sociais. Entidades ecoloxistas como Adega, Verdegaia ou Erva consideran excesivo o número de megavatios en xogo e pensan que a falta dun plan sectorial fai que o proceso careza de garantías ambientais.


4,1/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: