Un 14% de cota pública nos parques eólicos e a previsión de até 8 mil postos de traballo a crear froito dos proxectos industriais asociados, cun investimento previsto de 1.357 millóns de euros, ademais de 2.744 millóns para o despregue dos propios parques e 3.100 traballos xerados pola propia construción destes. Son as cifras principais que achegou este venres a saída á luz pública da resolución da comisión de valoración do concurso eólico.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, compareceron para a presentación do detalle das concesións. Quintana destacou o peso que a Xunta adquire, o 14,2%, 325 MW, serán cedidos á Xunta, o que xeraría até 30 millóns de euros anualmente para a caixa pública. "Por primeira vez a explotación dun recurso natural de Galiza redunda en beneficio dos cidadáns deste país", afirmou o vicepresidente. Quintana insistiu na "transparencia" do proceso que, na súa opinión, foi "radiado, televisado e comentado" amplamente. "Facemos historia tamén pola transparencia e publicidade", insistiu.
Pola súa banda, o conselleiro de Industria destacou o impacto que terá o proceso "nun contexto como o actual de crise económica", salientando as perspectivas industriais asociadas. En declaracións posteriores á Radio Galega, Fernando Blanco falou dun "cambio sustantivo e transformador" e asegurou que non hai dúbidas sobre a seguridade xurídica. O conselleiro tamén chamou a atención sobre o investimento que se derivará aos concellos afectados polos parques. Así, desa media do 14% de cota pública, o Goberno promete destinar catro de cada dez euros ingresados nese apartado polo Instituto Enerxético de Galicia a obras concretas pactas cos gobernos locais. Ademais, o 10% irá para as comunidades de montes e entre un 1 e un 3% a propietarios de montes.
Os principais beneficiarios Eólica Galenova: 235 megavatios (Reúne a Caixanova e o grupo Elecnor)
Aucosa Eólica: 216 MW (Iniciativa promovida por varios grupos conserveiros)
Ventos Cooperativos: 192 MW (Reúne as principais cooperativas leiteiras do país: Feiraco, Icos, Irmandiños, Colaga)
Norvento Eólica e Norvento: 172,8+21 (Caixa Galicia)
Fisterra Eólica: 174 MW (Endesa)
Puentegasa: 173,4 MW
Ventauría Enerxía Rural: 160,2 MW
Enerxías Renovables de Galicia: 142 MW (Vencellado ao construtor Jacinto Rey, do grupo San José)