Os lugueses soben até a segunda posición da Leb Ouro, mentres as vilagarciás deron outro paso máis cara a súa salvación na Liga Feminina.
Cusworth confírmase como a gran estrela do Breogán
Esta fin de semana deixounos resultados dispares para os equipos galegos que compiten na elite do baloncesto estatal. As vitorias foron deste golpe para Extrugasa e Breogán, que venceron ao Zaragoza e U.B. Palma respectivamente. As malas novas chegaron da man de Celta de Vigo Indepo e Beirasar Rosalía. As de Vigo perderon por cinco puntos fronte ao Feve San José, mentres que o Rosalía viu cortada a súa xeira de dúas vitorias consecutivas ao perder por un axustado 80 - 78 no campo do Plus Pujol Lleida.
O Extrugasa de Vilagarcía deu un novo paso no seu camiño cara a salvación, nun encontro que supuxo o estreo de Tito Díaz en Fontecarmoa e a súa primeira vitoria como adestrador do equipo. O Extrugasa impúxose grazas a unha gran actuación colectiva, con catro xogadoras anotando 10 ou máis puntos. A máis destacada foi a americana Elisha Ruth Turek, que converteu 17 puntos e apañou 11 rebotes. Este resultado permítelle ao Extrugasa achegarse á permanencia na categoría, que xa está agora a dúas vitorias de distancia. Pola súa banda o Celta de Vigo perdeu por 68 - 63 contra un rival directo como é o Feve San José, situado inmediatamente detrás das viguesas na táboa. Malia a derrota, o Celta mantense na sexta posición da Liga Feminina.
Tamén houbo unha de cada na Leb Ouro
Brian Cusworth guiou ao Breogán cara a unha cómoda vitoria por 89 - 73 contra o U.B. La Palma, para ascender así até a segunda posición da súa liga. O pivote americano completou un espectacular partido con 26 puntos, oito rebotes e tres asistencias, partillando parte do protagonismo co aleiro Spencer Gloger que tamén tivo unha actuación destacada. O partido tamén supuxo o estreo esta tempada do inglés Daniel Clarck, que completou unha discreta actuación con sete puntos e dous rebotes nos 13 minutos que xogou. Na mesma liga, a Leb Ouro, o Rosalía rachou a súa xeira de bos resultados ao caer por 80 - 78 fronte ao Plus Pujol Lleida. Aínda así, os composteláns deron unha boa imaxe e mantivéronse con opcións de vitoria até o final fronte a un rival que está situado actualmente na oitava posición do campionato.